O Consello non considera posible recuperar o consenso lingüístico

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

01 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O seminario sobre Lingua, sociedade e política en Galicia clausurado o martes no Consello da Cultura Galega constatou a imposibilidade de recuperar a curto prazo os consensos lingüísticos básicos en Galicia. As conclusións das catro sesións de debate salientan tamén as dificultades que supoñen para o futuro inmediato do idioma galego as decisións do actual goberno da Xunta en materia educativa. Subliñan a necesidade de revisar os vellos discursos e impulsar accións positivas dirixidas sobre todo aos sectores sociais máis dinámicos.

Este seminario, que se puxo en marcha en decembro do 2009 coordinado polo profesor e sociolingüista Henrique Monteagudo, foi organizado polas seccións de Lingua, Literatura e Comunicación e a de Pensamento e Sociedade, do Consello da Cultura Galega.

O tema da última sesión de debate foi a situación do galego na perspectiva internacional, e os asistentes analizaron a cuestión de lingua e o nacionalismo no contexto español. Os parlamentarios Agustín Baamonde, do PPdeG, e Bieito Lobeira, do BNG, dous dos protagonistas do debate, constataron a gran distancia nos enfoques, puntos de partida e análise lingüística das dúas formacións políticas. Francisco Cerviño, do PSdeG, xustificou a súa ausencia.