«Compostela ten a maxia de ser vila con alma nos barrios e á vez cosmopolita»

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Suso, no seu recuncho do Dezaseis, ao lado dunha lareira de cando o lugar eran cabaleirizas
Suso, no seu recuncho do Dezaseis, ao lado dunha lareira de cando o lugar eran cabaleirizas XOÁN A. SOLER

Hostaleiro por vocación dende mozo, di que se lle deran a escoller o que quere facer diría que traballar no Dezaseis

01 oct 2020 . Actualizado a las 16:26 h.

Non come nunca antes das cinco da tarde e cando cea é ao fío da madrugada. Moi poucos saben como se apelida, porque para todo o mundo que o coñece é Suso do Dezaseis. Explícao porque a súa vida, os seus amigos, «todo pasa polo Dezaseis. Non lembro un só día que me custara vir traballar, porque isto é como o salón da miña casa, unha rúa na que saúdo a uns, falo con outros, coñezo xente, encóntrome con outros que hai tempo que non vía e vexo aos que veñen todos os días, á gran familia do Dezaseis».

Suso Coba naceu no concello pontevedrés de Portas. O seu pai era de Xaén, sen orixes galegos «que se saiba». Emigrara de Andújar de Marmolejo a Barcelona sendo un rapaz e veu traballar a un negocio de Portas por mediación dun empresario que tivo nesta vila unha empresa azucreira, reconvertida despois en gandeira, para facerse cargo das máquinas. E coñeceu á súa nai, «que nunca saíu de Portas», casaron, tiveron tres fillos e aquí quedou e faleceu moi novo. Veu estudar á Escola de Hostalaría de Lamas de Abade en 1985, onde cursou os cinco anos ata especializarse en servizos. Nos veráns traballou no Gran Hotel da Toxa e cando rematou fíxoo en Sanxenxo, Portonovo e en Pontevedra, «de onde din o salto a Compostela no ano 95».

Sempre soñara que virse para Compostela, «da que boto en falta a movida estudantil no Ensanche dos oitenta, e na que son feliz porque ten a maxia de ser unha vila con alma nos barrios e á vez é moi cosmopolita». E xa van aló quince anos dende que decidiu deixar outras ofertas fóra de Galicia para aceptar o traballo de encargado do Dezaseis, que naceu da man de varios socios, un grupo ao que se uniu uns anos despois Suso ao adquirir unha parte do negocio do que é, sen dúbida, a alma, o corazón e parte do pulmón. Son 19 persoas traballando arreo cada día para preparar e atender unha media de 200 comensais para xantar ou cear.

Os amigos dos amigos

Suso vai e vén da cociña ás mesas, con pratos, co caderno tomando nota ou facendo racións de empanada, sempre co mandil branco e sempre atento a calquera que chega. Non se lle escapa nada. Coñece tan ben á súa clientela, que vai repasando nomes de persoas que van a diario e que se fixeron amigos, «porque se coñeceron agardando por mesa e a forza de verse», dos que non fallan un día á semana «como Cambeiro e Ana, que por certo, esta semana non viñeron», dos asiduos e dos que non fallan cando veñen a Compostela, coma o pintor Antón Lamazares, «que vén saudar aínda que non quede a xantar».

Domina o oficio e ten don de xentes. «Non queda outra, neste negocio ou es así ou non serves, non hai segredo que non estea á vista». Pero o éxito deste establecemento débese nunha medida importante «ás asociacións hotaleiras, ás tendas e aos amigos que non mandan aos turistas e a outros amigos». Por iso pon un énfase especial no seu recoñecemento e agradecemento «á confianza que depositan en nós, pero sobre todo aos recepcionistas dos hoteis, porque nos chaman para saber se hai mesa ou para dicirnos que van vir un grupo, unha parella ou unha persoa. E ás tendas de recordos, porque sen que digan nada vexo as bolsas e intúo que preguntaron alí e que lles recomendaron este sitio, porque nós non estamos no Franco para dar con nós de cara, e aínda que temos moito nome e hai xente que sabe do local en Internet, a maioría chegan porque alguén lles falou ben deste sitio». Suso pensa que a pregunta que fan os foráneos é «¿onde comería vostede?».

Por este restaurante da rúa de San Pedro pasa o máis diverso da sociedade compostelá, e cando lle dicimos a Suso que é raro non ver comendo a políticos nacionalistas, atalla dicindo que teñen de clientes «a políticos de moitos paus, porque este é un restaurante moi cosmopolita, ao que veñen persoas dun amplísimo espectro profesional e social, incluídas moitas do clero, e moitos artistas e creadores, sobre todo músicos». O dos músicos se cadra é porque uns levan aos outros, e dáse que, por exemplo, grupos como Berrogüetto «que naceu ao tempo que O Dezaseis», e Leilía, «son como da casa, e cando teñen que celebrar algo ou cando teñen que gravar non sei que cousa e necesitan un sitio, pois veñen aquí». De Uxía e de Guadi Galego di que para el «son coma as miñas irmáns».

Ten outra paixón á que lle dedica, sen faltar nunca a cita, cada domingo. É a casa familiar de Portas, onde traballa arreo coidando a viña e cavando na horta, «aínda que sempre vou por detrás da miña nai, que ten 72 anos pero non hai quen a pare, é todo enerxía e coraxe». Unha nai á que adora, «porque ás nais e avoas deste país habería que facerlles un monumento, porque son os verdadeiros motores, as que teñen iniciativa e van onde faga falta para sacar os fillos adiante. E a miña sempre foi desas, das que sacou recursos de debaixo das pedras para que non nos faltara de nada».