«Somos proletarios do pop rock, porque cremos no noso proxecto e no público»

C. P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

19 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A música de Roberto Sobrado é tan persoal que nela teñen cabida as particulares versións que fai de temas de Calamaro e de Os Resentidos. Este músico do Carballiño afincado en Compostela despois dunha paréntese de dous anos en Liverpool, onde chegou a tocar no mítico The Cavern, actúa esta noite no pub Ultramarinos para presentar as cancións do disco Noroeste estraño, que está en proceso de gravación coa súa banda.

-¿É un concerto especial?

-Éo, por canto os temas do novo espectáculo existen, pero non están aínda todos gravados. E tamén porque, polas condicións do espazo, será un concerto acústico, no que só estaremos dous dos cinco integrantes da banda.

-¿Os locais pequenos son a mellor opción aínda que os limiten?

-Como é un proxecto persoal pódese adaptar sen problemas. Somos proletarios do rock and roll porque cremos no noso proxecto e no contacto co público, así que actuar nun pub está moi ben, porque tamén saen concertos en auditorios e festas, pero a crise acúsase máis na cultura.

-¿Segue facendo versións?

-Calamaro e Reixa son dous referentes que incorporo ao estilo da banda xunto cos temas propios. Nos meus inicios musicais versionei a músicos e compositores como Sabina ou Serrat, pero tanto este disco, que será o terceiro, como os dous anteriores enmárcanse no pop rock galego.