Melide reúne mañá a vinte profesionais nun seminario de percusión para canto tradicional

La Voz

SANTIAGO

23 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Vinte profesionais e afeccionados á musica popular galega asistirán mañá en Melide a un seminario sobre percusión para canto tradicional, programado dentro das actividades que se desenvolverán ao longo de toda a fin de semana na vila con motivo da celebración da sexta edición da Foliada. A iniciativa presentouse onte da man de Miguel Varela, membro da asociación cultural O Castelo -entidade que organiza o encontro festivo-, a alcaldesa melidense, Socorro Cea, e Pablo Carpintero, membro da Asociación de Gaiteiros Galegos e encargado de impartir a sesión teórica do seminario.

Carpintero ofrecerá un relatorio sobre a historia dos instrumentos tradicionais galegos, «que reflexa a historia da muller na sociedade galega dende hai máis de dous mil anos como transmisora da cultura musical a través do canto e do baile», avanzou. O seminario tamén inclúe un taller guiado por Marita Guiadáns, que ensinará aos asistentes o manexo deses instrumentos.