O concurso «A Baña en imaxes» premiará as mellores fotos de paisaxes e Entroido

La Voz

SANTIAGO

23 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de A Baña puxo en marcha un concurso de fotografías no que se poderá participar ata o día 23 de febreiro. Inclúe tres categorías: a mellor paisaxe, o Entroido, e ¿como ves A Baña?. Esta última terá que ir acompañada dun pe de foto, o cal tamén vai ser valorado polo xurado do concurso denominado A Baña en imaxes.

Segundo informa o Concello bañés, as fotografías a concurso entregaranse nos locais sociais onde se fan as actividades das parroquias, ou ben na propia Casa do Concello. As fotos gañadoras publicaranse na web e máis na revista municipal. Tamén servirán como arquivo básico para futuras accións promocionais do Concello bañés, sobre todo no ámbito turístico, xa que, polo de agora, hai pouca documentación gráfica nas dependencias municipais.

Doutra banda, a Concellería de Cultura organiza ao longo da semana que vén a chamada Semana da Biblioteca. Dende o luns 25 ata o venres 29 de xaneiro, haberá diferentes actividades como contacontos, xogos de mesa, a oca xigante, xogos coa wii, e memo-memo. Será todas as tardes, dende o luns 25 ata o venres 29, de cinco a oito da tarde na biblioteca da Casa da Cultura.