«Moitos dos personaxes desta serie forman parte do meu universo persoal»

C. P.

SANTIAGO

27 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O debuxante gráfico e autor de banda deseñada compostelán Fausto Isorna presenta mañá o sexto álbum da serie de aventuras de Simón Martel, que edita a Fundación Caixa Galicia dende hai uns cantos anos. O novo volume, Enigma soterrado , achega aos seguidores de todas as idades, pero sobre todo aos lectores xuvenís, novas correrías e misterios, tres anos despois do anterior, Están vivas!

-¿Non frustra aos lectores que os volumes saian tan espazados?

-É posible, pero xa é importante que continúe. É unha iniciativa de Caixa Galicia, que é quen edita a serie, que naceu hai máis de dez anos a raíz dun programa de actividades sobre a Casa de Rosalía. A colección pasou por distintas etapas, porque empezou con guións de Aníbal Malvar, que tivo que marchar e sufriu un parón. Retomouse a serie no quinto volume asumindo eu a autoría tamén dos textos.

-¿Hai un antes e un despois?

-A identidade dos protagonistas é a mesma, pero se cadra os meus decántanse máis polo disparate, cunha mestura de ciencia ficción e de humor branco, porque o público é sobre todo xuvenil. Naceu co referente de Tintín, pero de inspiración máis europea, poñendo o acento na comedia de personaxes.

-¿Non hai novos personaxes?

-Fun sumando secundarios, moitos deles de Golfiño e outros que forman parte do meu universo. Son escenas máis realistas, pero poden viaxar ao espazo.