«Para ser músico de jazz non fai falta ir a Estados Unidos»

M. B.

SANTIAGO

O instrumentista galego presentou en Arteria SGAE o seu novo proxecto «The Last Minute Experience»

30 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Formado na Escola Superior de Música de Cataluña e no Berklee College of Music de Boston, o batería e compositor Carlos López é hoxe un claro referente do novo jazz feito en Galicia. Onte presentou en Arteria Noroeste un novo proxecto, The Last Minute Experience , o seu segundo traballo en solitario, editado polo selo catalán K Industria, no que fusiona o jazz de vangarda con estilos como o funk ou o chill-out , amosando seu talento compositivo. Un repertorio que completa con versións moi persoais de grandes nomes do rock como Pink Floyd e U2.

-¿Por qué gravou en Cataluña e non en Galicia?

-K Industria é unha distribuidora moi potente que distribúe a artistas tipo Manu Chao. Nela atopei as mellores condicións para editalo. Por outra parte eu teño un vínculo con Barcelona porque vivín alí moitos anos.

-Os temas deste disco xa foron presentados no marco de diversos festivais.

-Si. A presentación oficial en directo foi en Vigo, no Festival Imaxinasons, en xullo. Desa actuación gravamos un deuvedé no que participaron os músicos que colaboraron. A partir deste concerto hai un elemento especial no directo que é unha proxección de oito historias visuais que van coa música. Agora empezaremos unha xira na Coruña, no Festival Iberojazz.

-¿Por que decidiu incluír esas historias visuais?

-Neste segundo traballo retorcinme bastante, intentando mellorar moito a proposta da primeira. O primeiro disco era de jazz clásico e neste hai moitos estilos que se mesturan, é moi moderno. Entón, á hora do directo tamén quería que houbese un compoñente visual nos concertos, que non resta papel á improvisación senón que xoga a favor dela.

-Non é frecuente que a batería sexa o instrumento protagonista no jazz.

-E que non é protagonista. Aínda que sexa meu proxecto eu non pretendo ter un papel especial a nivel instrumentista. O meu papel é mais como compositor.

-Vostede formouse en Barcelona e Berklee. Parece que non se pode ser bo músico de jazz se non se pasa por Berklee. ¿Por que sigue aínda a ser así?

-Co tempo iso vai cambiando. Eu fun porque me xurdiu unha oportunidade especial pois a propia universidade dábame unha beca para estudar alí. Foi realmente unha experiencia xenial. Pero hoxe por hoxe non fai falta ir a Estados Unidos para ser un músico de jazz. Mais si o recomendo. Igual que a un xaponés que lle gusta o flamenco nalgún momento da súa vida quererá pasar por Xerez, para un músico de jazz visitar Estados Unidos é inevitable.