«As mulleres son máis do 80% de profesionais no ensino básico»

SANTIAGO

Coordinou un volume onde se documentan 553 galegas nacidas antes de 1938 que destacaron polo seu traballo no ámbito da educación

29 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) foi presentado onte o libro Mulleres na educación en Galicia , con presenza do secretario xeral da Consellería de Educación, o presidente da Fegamp e o director da institución. O volume, de máis de 350 páxinas, é resultado de dous anos de traballo. Nese tempo un grupo de investigadores do propio Mupega e da USC, coordinados por María José Méndez Lois, reuniron documentación de 553 mulleres ensinantes, que clasifican por concellos: Compostela é quizá o que ten unha maior contribución, aínda que tamén as hai na nosa comarca de Boimorto, Boqueixón, Frades, Negreira, Padrón, O Pino, Rois, Toques ou Vedra.

-¿Que criterio utilizaron para escoller as mulleres ensinantes?

-Que fosen nacidas antes de 1938, para que estivesen xubiladas no ano 2008, cando estaba previsto dar fin ao estudo.

-¿Desde cando documentan a presenza de educadoras?

-A referencia máis antiga que se encontrou no estudo é unha muller do século 18º, que doou a súa herdanza para fundar unha escola pía. Naquela altura, as pías eran as escolas básicas que había para a formación dos nenos pobres. Ela era dunha familia nobre e doou os seus bens.

-¿Que proceso observou a incorporación das mulleres ao ensino?

-Temos que pensar que antes de 1770 en España as mulleres non podían exercer como mestras, non llo permitía a lexislación. Foi Carlos III o primeiro que fundou a institución para ter mestras. Non obstante, a súa formación para ese labor foi aínda un poucos máis tarde, en 1783. No libro incluímos unha cronoloxía sobre os 200 anos da formación do maxisterio feminino en España, entre 1770 e 1990.

-¿E como se desenvolveu a profesión?

-Comezaron ensinando sempre a nenas, e as primeiras letras. Moitas eran analfabetas e tiñan que ter un pasante varón que estruturaba a súa formación, ate que tiveron as primeiras escolas de formación. A partir dese instante, as mestras progresivamente tomaron as rendas da escola e gañaron maior presenza na profesión.

-Agora mesmo son maioritarias, ¿non é?

-Si, as mulleres son máis do 80% de profesionais do ensino básico, en secundario máis da metade e na Universidade xa máis do 40%.

-¿Onde é menor a presenza feminina?

-Sobre todo nos estudos máis tecnificados ou máis tecnolóxicos, que son moi relevantes para atinxir cotas de poder, porque a técnica é a que move o mundo. Aí hai menos mulleres. No resto o ensino está moi feminizado.

-¿Como é a profesora de hoxe?

-Sigo resaltando das educadoras o traballo do día a día e o traballo silencioso. Son mulleres discretas, que continúan facendo labores moi importantes pero que non o contan, e onde quizá os medios de comunicación deberían estar máis atentos á proxección do seu traballo para saír do anonimato. As mulleres temos máis difícil o conseguir unha proxección social, e sería importante que se fixese o esforzo de as convidar máis para o espazo público, que se coñeza máis o que fan día a día.

-¿Terá continuidade esta investigación?

-En principio non. Espero que no futuro a Xunta, unha vez que coñeza este traballo, se entusiasme e outros investigadores podan continuar.

-¿Como é o Museo Pedagóxico de Galicia, onde traballou neste tempo?

-Estupendo, estes dous anos tiven ocasión de o coñecer ben, mesmo me entusiasmou. É un espazo para a investigación, para o estudo, para a divulgación científica, e tamén para o recordo.

-¿Que lembranzas hai aquí?

-Esta mesma mañá [por onte] houbo unha visita dun grupo de persoas de máis de 70 anos, que choraban vendo as aulas do Mupega. Xa tiña visto neste tempo xente que se emocionaba vendo o que aquí hai, unhas fermosísimas recreacións das aulas tradicionais, con libros e moitos materiais que fan lembrar tempos pasados.