«Lou Reed foi un paciente máis, se fose Calamaro ao mellor me poñía nerviosa»

C.?P.

SANTIAGO

16 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Naceu en Ourense hai 24 anos e xa vai para tres que traballa como fisioterapeuta na clínica compostelá Amerguín. É Zeltia Álvarez Blanco, titulada pola Universidade da Coruña, a única condición, a de titulada, que esixiu Lou Reed cando pediu unha masaxe escandinava na súa estadía na cidade para o concerto que deu con Laurie Anderson o domingo.

-¿Como é a masaxe escandinava?

-A básica e común. Non ten nada de especial. O que pediu é do máis normal, e quixo unha sesión cando chegou e outra o sábado a media mañá. E tiña molestias no brazo dereito.

-¿Ter a un mito tan famoso na padiola púxoa nerviosa?

-Era a primeira vez que atendía a unha persoa famosa, pero comportouse como un paciente máis, amable e agradable. Se cadra, non me puxen nerviosa porque Lou Reed queda lonxe da miña xeración.

-¿Quen a poñería nerviosa?

-Non sei, Andrés Calamaro ou El Canto del Loco. A membros deste grupo e outros cantantes como Shakira déronlle masaxes compañeiros meus na clínica do Multiusos de Sar.

-¿A fisioterapia é unha moda?

-Non. Hai moitos problemas físicos que antes non se trataban, e patoloxías derivadas da vida axetreada. Deberiamos recorrer máis á fisioterapia de maneira preventiva. O que hai é intrusismo de persoas que non son tituladas, que fixeron só un cursiño. E iso pode valer para masaxes relaxantes, pero non para tratar patoloxías.