«Escribín sobre Santiago porque quedei prendido da cidade cando a coñecín»

C. P.

SANTIAGO

10 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel Jacobo González Outes (Carnota, 1969) interesouse sempre por temas históricos, literarios e artísticos, pero a súa formación e o seu mundo profesional estiveron vinculados ás ciencias e ao mundo da técnica. Pero chegoulle o tempo á creación literaria, e hoxe chega ás librerías a súa primeira novela, Diario dunha noiteboa , unha historia que lle acaba de publicar Baía Edicións ambientada en Compostela.

-¿Por que escolleu Compostela?

-Eu a penas coñecía esta cidade, porque non estudei aquí, pero tiven que vivir nela durante un ano, en 1995, por motivos de traballo. E encantoume, quedei tan prendido que empecei a investigar sobre ela e decidín escribir coa súa historia como tema.

-Pero a novela é actual.

-Si, e centrada no mundo universitario. É unha trama de intriga na volta atrás, a partir do achado da tumba do Apóstolo en 1813.

-¿É a primeira obra de ficción que publica, o seu bautizo literario?

-Teño escrito de temas técnicos, pero obra literaria é a primeira. Son autodidacta en cuestións históricas e de arte, pero no 2000 tiven un accidente que me deixou inválido, así que decidín dedicarme de cheo a escribir. Esta é a primeira novela, pero xa teño outras dúas escritas, e agardo que poidan ser publicadas.

-¿Volve coa intriga histórica?

-Coa historia. Unha está situada na Costa da Morte e trata da emigración. Non ten nada que ver con esta.