As Letras Galegas animan as rúas

A USC celebra o acto central na cidade. Tamén hai programación en Ames, Teo, Ordes, Brión, Oroso ou O Pino, con propostas moi diversas para potenciar a lingua


J. G.

A celebración do Día das Letras Galega ten ampla presenza na cidade hoxe e nos dous próximos días, e mesmo se prolonga a próxima semana. En Compostela e en concellos da comarca as actividades animarán as rúas, con propostas moi diversas para potenciar a lingua.

Na cidade, hoxe ás 12.00, no salón nobre do Colexio de Fonseca , a USC celebra un acto literario. Dará a coñecer un volume sobre Ramón Piñeiro, con traballos de 11 autores, e proferirá unha conferencia Xusto Beramendi, subordinada ao título Ramón Piñeiro: os froitos da resistencia. Tamén en Santiago, na Biblioteca Ánxel Casal hai exposicións, unha delas bibliográfica, centradas en Piñeiro. O centro de persoas de idade avanzada de Caixa Galicia, na Carreira do Conde finalizou onte unha programación sobre as Letras e Internet. Ou no Centro Cultural Compostela teñen esta tarde, desde as 18.30, un concurso de teatro, onde compiten seis grupos.

Para a manifestación do domingo enviaron adhesións entidades como a Asociación de Gaiteiros Galegos ou a Mesa Galega de Educación no Rural . Varias persoas, entre elas algunhas recoñecidas figuras da cultura galega, está previsto que apoien hoxe no Auditorio esa mobilización, que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística . E os sindicatos CC. OO. e UGT difundiron un comunicado para apelar á «concordia, a unión, a convivencia e a cohesión social» vehiculados polo idioma.

Nas comarcas

En Ames fallaron o primeiro certame intercentros convocado polo Concello, e esta noite na Casa da Cultura do Milladoiro, desde as 21.00, Talía Teatro representa Bicos con lingua . Aínda que en Ames, como en Teo, o acto central será o domingo.

No Auditorio da Casa da Cultura de Ordes terá lugar un acto conmemorativo do Día das Letras esta tarde, desde as 20.00 horas, e incluirá a entrega dos premios do segundo certame de poesía, con categorías de infantil, xuvenil e maiores. O acto finalizará con nova actuación de Embruxo de Leira .

En Brión onte houbo teatro para alumnado de segundo ciclo de primaria, co grupo Casahamlet, e continúa a programación o día 19. En Oroso esta tarde continúa a actividade de Muñegotes, na segunda entrega, na biblioteca municipal.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

As Letras Galegas animan as rúas