Talía Teatro cumpre vinte anos en escena cunha comedia infantil e familiar

La Voz

SANTIAGO

05 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A compañía galega Talía Teatro regresará a escena do Principal o luns para estrear a obra infantil e familiar Valentino Rufino e âkil pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) . A obra, presentada onte polo director da compañía, Artur Trillo, está dirixida a un público infantil e familiar, cun estilo próximo á comedia da arte italiana, e nela dominan as máscaras e a estética do século XVIII.

Roberto Salgueiro é o autor e director desta nova proposta de Talía que narra a historia do cabaleiro Valentino Rufini que, de regreso á súa casa en Milán, é abandonado polo seu criado, que lle marcha cos cartos. Valentino Rufini só, cargando do seu baúl de viaxe, e coa faldriqueira baleira, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño a Milán.

Os días 9 e 10 Talía Teatro, que cumpre vinte anos de actividade, vai continuar sobre as táboas do Principal coa representación de E ti quen vés sendo? , escrita e dirixida por Cándido Pazó. A obra, segundo o propio autor e director, é unha «adaptación da coñecidísima O anfitrión , de Plauto, unha obra moi divertida que xoga coa confusión das identidades, e na que se mesturan personaxes divinos e humanos». A representación conta co apoio da Consellería de Cultura e da Rede Galega de Teatros e Auditorios do Agadic.

Con estas representacións Talía cumpre vinte anos desde que iniciara a súa andaina teatral, tempo no que levou a escena 25 montaxes.