«Hai rapazas que xogan moi ben, é cuestión de velas»

Paula S. Fontáns

SANTIAGO

05 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O fútbol feminino segue a ser un descoñecido. Aínda que este deporte conta con moitos seguidores, si se fala de mulleres a cousa cambia. Para o adestrador do Ciudad de Santiago, primeiro equipo feminino que apareceu na capital, «aínda queda moito por facer para chegar ao nivel do masculino».

-¿Por que se decidiu por adestrar mulleres?

-A min sempre me gustou o fútbol, pero cando me rompín os dous xeonllos quixen seguir vinculado a isto e a única forma era xogando a un nivel moi baixo e adestrando. Para min é o mesmo adestrar a homes que a mulleres, aínda que teñen as súas diferenzas.

-¿Cales son esas diferenzas?

-É bastante diferente, sobre todo polo tema da morfoloxía das rapazas. A potencia física non é igual, ti poslle unha potencia alta a unha rapaza e ao día seguinte non pode andar, dóelle aquí ou alí ...,nunca podes traballar moi forte con elas. E despois necesitas ter moitísima mentalidade, moito tacto, pero tamén te ris moito nos adestramentos.

-¿É difícil xuntar rapazas para formar un equipo?.

-Home imos mellorando pouco a pouco. Nós este ano temos sorte porque contamos con moitísimas rapazas, unhas 25 ou 26 e hai moitas que veñen novas. Hai que ter en conta que este é o cuarto ano que hai equipo feminino. Ao principio tiñamos que chamar nós ás rapazas para que se animasen, pero agora xa son elas as que chaman, por iso estamos moi contentos.

-Agora as rapazas xa se atreven máis.

-Pouco a pouco parece que cada vez as rapazas están saíndo como que di do armario e cada vez están vindo máis cantidade de nenas a adestrar. As mulleres tamén poden xogar ao fútbol. Hai xente que ven aquí a ver o partido e di: 'nunca pensei que as rapazas xogaran tan ben ao fútbol', hai rapazas que xogan moi ben, é cuestión de velas.

-Pero moitas delas chagan do fútbol sala.

-Si, todas as que temos veñen de sala. E que hai unha cousa, antes aquí só podían xogar ata os 14 anos, despois tiñan que deixalo porque non había equipo feminino, entón pasábanse ao fútbol sala.

-¿Que espera para esta nova tempada?

-Este ano fixéronse tres grupos de trece equipos. A nós tocounos o grupo de Barbanza, de Vilagarcía e Pontevedra. Os cinco primeiros clasifícanse para unha Liga Galega que se vai crear para o ano e o noso obxectivo é entrar nela.

-¿E habería apoio para xogar por todo Galicia?

-Iso xa é unha cousa que temos que falar có club, pero imaxínome que si porque non é o mesmo pedir un patrocinador para un equipo que está en autonómica que para un que está nunha Liga Galega.

-Este ano inscribíronse moitos equipos novos, parece que hai una boom do fútbol feminino. ¿A que cre que se pode deber?

-Pois este ano aumentaron como oito equipos na zona norte e sur, e cando nós empezamos eramos sete equipos na Liga. Eu penso que cada vez hai moitos máis equipos de fútbol sala, e como unha moda, pero non hai competicións para todos entón as rapazas deciden unirse e formar equipos de fútbol campo. Pero non é tan doado facer un grupo, porque precisas instalacións adecuadas, autobuses para desprazarte... Un equipo coma o noso custa 30.000 euros e non é moi fácil atopar alguén que che deixe cinco millóns de pesetas para facer un equipo.

-¿E como ve o futuro do fútbol feminino?

-Pois fáltalle moito para chegar ao nivel do fútbol masculino, pero pouco a pouco vanse conseguindo cousas. Este ano temos moitas rapazas de 14 e 15 anos e iso é bo de cara ao futuro.