O Batallón Literario de 1808 revive nunha exposición na vella Fonseca

C.?P.

SANTIAGO

29 jul 2008 . Actualizado a las 10:32 h.

A batalla de Santiago contra Napoleón librouse no outeiro de Santa Susana. De aí proceden os dous canóns, gravados cos nomes de O Berrón e o Íntegro, que se ven na entrada dunha das dúas salas do Colexio de Fonseca dedicadas á exposición que reconstrúe a historia e os acontecementos do Batallón Literario de 1808, formado por 1.600 universitarios alistados para loitar contra as tropas de Napoleón.

O título da mostra, Minerva e Marte , responde a un lema que os mozos levaban escrito nunha cinta do uniforme: «Por rescatar a Fernando y acabar con Bonaparte uniose Minerva a Marte». Con ese espírito, a Universidade compostelá promoveu o alistamento entre os seus estudantes, un dos expoñentes da organización da sociedade civil na contenda contra Napoleón.

Entre os obxectos máis destacados que se poden ver na mostra deseñada e montada polo equipo ReVisión está o estandarte do Batallón Literario, que se conserva no Arquivo da USC e que foi restaurado por mor desta montaxe no obradoiro madrileño especializado en tecidos Camino Fernández Represa. Exhíbese na sala da dereita, na que tamén se proxecta a relación de cincuenta nomes daquel corpo militar literario, e a bandeira dunha das milicias populares, nas que se alistaban voluntarios galegos. Escoitase de fondo música de gaita, que é o Himno do Batallón, unha peza que se conservou grazas a que a tocaba o gaiteiro da catedral e a partitura está recollida nun libro.

Na segunda sala están os pequenos canóns de fundición, aínda que podían ter sido os que seguen soterrados debaixo do pavimento da igrexa do Pilar, descubertos hai anos nunha escavación, pero que deixaron no mesmo sitio despois de documentar o achado.

Neste mesmo espazo está o sable do marqués de Santa Cruz, perfectamente conservado polo seu descendente e titular do marquesado, Alfonso Armada. Vese un debuxo do pazo urbano do primeiro marqués, que segue en pé na Rúa Nova ocupado por unha congregación. O nobre vendérallo ao exército para as dependencias da Capitanía Xeral, que nun tempo estivo en Santiago.

A exposición, que estará aberta ata o 21 de setembro, foi inaugurada polo ministro de Cultura, César Antonio Molina, xunto co presidente da Real Academia Galega e comisario da montaxe, Xosé Ramón Barreiro, do reitor. Senén Barro, o alcalde compostelán, o conselleiro da Presidencia e Carlota Álvarez Basso.