Música pop do hemisferio sur


Seguramente non lle vai a remorder a conciencia a ninguén por saltarse o concerto de Carlos Baute, nin por non escoitar o que teña que dicir Boris Izaguirre sobre como hai que divertirse nas festas. Como son actividades gratuítas haberá quen pense que a cabalo regalado non se lle miran os dentes, pero na sociedade esta do barullo global cada vez hai máis xente que confunde o que non paga directamente co que é gratis. E gratis non hai nada.

Caetano Veloso non é gratis e nin sequera se pode dicir que barato para un concerto das festas. O cantor encaramouse sen querer a ese espazo de referencia da progresía que, no fondo, ten pouco que ver cas súas cancións. Situouse aí case como segunda onda dos sucesivos impactos que a música brasileira foi tendo. Recuperando un tempo algo perdido porque a lusofonía nunca foi ben entendida na Península Ibérica: os cantautores mellor tristes.

Cos anos e cos tempos a música brasileira resultou ser a música pop do hemisferio sur. Fácil de tocar, fácil de cantar, máis fácil de lembrar e con esa potencia melódica que serve para as praias e para as esperas das salas de espera. Abriu espazo porque algúns días calquera pode querer ser melancólico resignado ou feliz en lugar de ser melancólico airado e non hai unha canción que levarse aos beizos sen mancharse de liberdade sen ira.

Caetano foi descubrindo cos anos que hai cousas alén do ritmo e que a súa voz quedaba moi ben para as cousas do sensible. Descubriu iso e que os pequenos formatos espertan complicidades neses públicos que non queren bailar. Veloso volve a Galicia para explicarse el ca súa guitarra que é un formato na que João Gilberto abriu unha maneira de comunicación co público. Un Gilberto a quen Veloso reanimou nos últimos anos para demostrar que a sinxeleza é unha chave esencial da música do Brasil.

Para Caetano Veloso todo se volve intimidade e quizais unha parte dos espectadores queira volverse personaxe de Almodóvar no descanso dalgúns dos seus repetidos ataques de nervios. Veloso volveu sobre a música sinxela e sobre os estándares. Esas cancións que son de autor pero que son como música popular. Desde os Beatles a Billie Holiday a música do século XX pasa pola voz lenta de Veloso para entrar nun territorio de tranquilidade e elegancia. Eses espazos dos que tanto gusta a socialdemocracia que se quere avanzada pero non revoltosa.

A música, afortunadamente, sempre é outra cousa. Polo tanto dá igual as marcas con que se vista. Caetano fai música popular para un tempo no que xa non é preciso prender os chisqueiros para demostrar que se está.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Música pop do hemisferio sur