O Auditorio mostra as imaxes de 25 fotógrafos insospeitados

C. P.

SANTIAGO

02 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A suxestión pola fotografía é moi común. Outra cousa é facelo con categoría que exceda o listón dos afeccionados. É o caso das 25 celebridades do mundo do cine, a arte, a música e a literatura, afeitas a ser os protagonistas diante dos obxectivos e dos focos, reunidas na exposición Fotógrafos insospeitados. Celebridades detrás do obxectivo , inaugurada no Auditorio de Galicia, onde se poderán ver 122 imaxes destes famosos autores ate o 14 de setembro.

A mostra, producida por La Fábrica para a edición do pasado ano de PhotoEspaña, é un percorrido polas miradas de persoeiros atrapados pola maxia do seu entorno e de mundos creativos que fan posible que as súas olladas sexan moito máis amplas do que se lles supón. Os autores son pintores tan importantes como René Magritte, Degas e Picasso; directores de cine como Visconti, Almodóvar, Carlos Saura, Tornatore e Stanley Kubrick; músicos da talla de Lou Reed, Bryan Adams, Patti Smith e Graham Nash; escritores coma o dramaturgo August Strindberg, os franceses Emile Zola e Jean Cocteau, os norteamericano Bruce Chatwin e Allen Ginsberg e o italiano Giovanni Verga; os actores Jeff Bridges, Yul Brynner, Richard Gere e Leonard Nimoy, e o bailarín Mikhail Baryshnikov.

Algunhas das fotos son insólitas e sorprendentes. Jeff Bridges, por exemplo, capta momentos de rodaxes de cine, pero do intramundo, como un grupo de bailarinas entre bastidores, ou dos actores do filme Os fabulosos Backer Boys cando se preparan para rodar, como unha de Bianca Jagger, e a imaxe en plena rodaxe de Michelle Pfeiffer que é o cartel desta exposición. Esta tamén a famosa foto que fixo Yul Brynner de Dalí pintando á actriz Amanda Lear.

Das catro feitas por Picasso que se poden ver, dúas son senllos retratos a Ricardo Canales e a Apollinaire. E de Visconti hai imaxes de touros dunha viaxe por España a mediados dos 50. No caso de Baryshnikov asoma a súa alma de bailarín, con imaxes veladas a cor de clubs dominicanos. A foto de cada autor, na maior parte autorretratos, abre as series de cada un. Enrica Viganó é a comisaria responsable da selección das fotos, cedidas por entidades coma o Museo de Orsay e o Centro Pompidou de París, galerías e dos propios autores.