Sigüeiro citou a máis de 25.000 persoas na Festa da Troita

Manuel Rodríguez Rey foi o campeón do concurso de pesca no Tambre e Darío Veiga Taboada o gañador na categoría infantil


A Festa da Troita de Sigüeiro pechou a súa duodécima edición cun éxito de participación sen precedentes, porque segundo os datos do Concello de Oroso, organizador do evento, superaron as previsións dos 25.000 visitantes entre o sábado e o domingo,

Esta foi a primeira edición da Festa da Troita cun programa de dúas xornadas, nas que as actividades se multiplicaron con oferta para todos os sectores da poboación e con propostas de ocio ao longo de cada unha das xornadas que incluíron dende un mercado medieval ate espectáculos infantís, sen esquecer as verbenas na explanada da piscina municipal, que concentrou a meirande parte dos actos.

Na xornada de onte, que centralizou o programa oficial, déronse cita unhas 15.000 persoas, a maioría delas pola mañá e ao mediodía, horas nas que ademais da degustación gratuíta das troitas que repartiu a organización na carpa instalada polo Concello, tivo lugar a lectura do pregón e a entrega de premios do concurso de pesca nun palco ateigado de representantes de distintas institucións locais e autonómicas, entre elas os deputados socialistas no Congreso e no Parlamento de Galicia, Ceferino Díaz e Luís Toxo, co alcalde orosán, Manuel Mirás Franqueira, de anfitrión dunha festa da que foi promotor dende as súas orixes. Onte expresou a súa satisfacción polo éxito desta edición, tanto de público como de expositores e promotores, e confiou en que pola súa traxectoria e consolidación, a Festa da Troita de Sigüeiro sexa declarada de interese turístico.

O pregón, que o alcalde anunciou que adiantarán ao venres nas vindeiras edicións, estivo a cargo da parella artística que forman Patricia Vázquez e Isi no programa da TVG Air Galicia . Nesa liña foi a actuación que ofreceron, recargada de tacos e humor sen sutilezas.

O día toldado foi ideal para a celebración da duodécima edición do concurso de pesca, no que se limitou a participación a 40 troiteiros en tramos acotados do río Tambre. O resultado foi de 62 troitas que deron un peso de preto de 10,5 quilos. O gañador foi Manuel Rodríguez Rey, con 8 troitas que pesaron 1.548 gramos. O segundo premio foi para José Mosquera Sánchez, con outras 8 troitas de 1.470 gramos. O terceiro premio levouno José Ramón Carril Carrillo, con 7 peixes que deron un peso de 1.246 gramos. O galardón á peza de máis peso, 310 gramos, foi para José María Blanco Otero, e Manuela Freire Pazos recolleu o trofeo á mellor concursante femenina, con 6 troitas que acadaron os 930 gramos. Na categoría infantil, con oito participantes, gañou Darío Veiga Taboada, que pescou 3 troitas que pesaron 502 gramos. O segundo e o terceiro premio foron para Sergio Pena Fandiño e Lucas Ariel D'orsí Torres, que pescaron sendas troitas de 98 e 64 gramos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Sigüeiro citou a máis de 25.000 persoas na Festa da Troita