A Universidade de Santiago recupera a primeira edición da novela «La casa de la Troya»

La Voz

SANTIAGO

01 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago (USC) vén de publicar una nova edición de La casa de la Troya , novela de Alejandro Pérez Lugín que mostra a Galicia de finais do XIX vista por un mozo madrileño obrigado a estudar Dereito na lúgubre e chuviosa Compostela. A revisión desta nova edición foi realizada pola investigadora da USC María Ángeles Gómez Abalo.

A Universidade de Santiago recupera con esta obra a primeira edición de La Casa de la Troya. Estudiantina (Madrid, Librería de la Viúda de Gregorio Pueyo) dado que, como explica a responsable deste novo texto, «ata os nosos días se tiña perpetuado nas librarías a 48 edición -a última revisada polo autor- con sensibles modificacións estilísticas».

A publicación presentouse onte na Libraría Couceiro nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que participaron os vicerreitores de Cultura e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Elías J. Torres e José Manuel Mayán; a editora da obra, Ángeles Gómez; e o director do Servizo de Publicacións, Antonio Azaustre. Tamén estiveron presentes no acto compañeiros e amigos da responsable da edición así como numerosos membros do Padroado da Casa da Troia.

A edición de Ángeles Gómez que onte foi presentada actualiza os argumentos textuais e literarios da obra e o seu autor -rexionalismo, costumismo, tradición e renovación, devir editorial, autoría cuestionada...-, situándoos nunha dimensión crítica. Na transcrición do texto pretendeuse ser escrupulosamente fiel ao orixinal, emendando tan só os erros e erratas evidentes e modernizando a ortografía e puntuación. Ánxeles Gómez Abalo (1973), licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Románica pola Universidade, comezou o seu labor docente na Universidade Católica do Porto (Portugal). Dende 2004 é profesora de Lingua e Literatura Española no I.E.S. Severo Ochoa de Madrid. É ademais membro do Grupo de Investigación Valle Inclán, da Universidade de Santiago, no que colaborou en numerosos traballos colectivos, por algún dos cales foi premiada.