A Foliada reunirá o domingo en Melide a gaiteiros e artesáns de toda a comunidade galega


Melide avanza con paso firme e decidido de cara a converterse nun lugar de encontro de referencia para os grupos de música tradicional galega. A cuarta edición da Foliada organizada pola Asociación O Castelo, que se celebrará o vindeiro domingo, consolida a presenza de agrupacións procedentes de toda a comunidade.

Serán oito grupos de gaiteiros de Melide, Sobrado, Agolada, Antas de Ulla e Silleda, que ofrecerán o mellor dos seus repertorios polas rúas da vila e protagonizarán un dos momentos máis agardados polos veciños: unha marcha gaiteira que, ás oito da tarde, partirá dende o Cantón de San Roque ata o Pazo de Congresos e Exposicións. Este recinto será o epicentro humano da xornada festiva posto que será o que acolla o amplo abano de actividades programadas.

Ás once da maña abrirá as súas portas unha mostra de produtos de artesanía, na que, a través de trinta e dous expositores, estarán representados unha parte importante dos oficios tradicionais galegos como a cestería, a cantería ou as tecedoras, ademais dos propios artesáns que elaboran instrumentos musicais. Ademais, ó longo do día, diversas asociacións culturais e musicais achegarán ós asistentes distintas faces da tradición galega. Nesta liña, haberá una sección de xogos populares e un obradoiro no que se recreará o vello oficio do ferreiro. A Escola de gaita e percusión galegas Axóuxere achegará unha mostra biblio-discográfica de música tradicional galega, e a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrará o terceiro seminario de palletas e pallóns. Tamén á Asociación de Troiteiros Río Furelos se lle reservou un espazo para unha exposición fotográfica con imaxes do desastre medioambiental acontecido no río Catasol e dos traballos que fixeron posible a súa recuperación.

Títeres, contacontos e un obradoiro de xoguetes sonoros a cargo de Luciano Pérez son a proposta para os cativos da casa da cuarta Foliada de Melide, que, por vez primeira, contou coa colaboración directa do Concello na súa organización. Para a rexedora, Socorro Cea, a xornada «é unha xusta reivindicación ao pasado, presente e futuro de Melide».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

A Foliada reunirá o domingo en Melide a gaiteiros e artesáns de toda a comunidade galega