«Ao acabar a universidade non se sabe falar en público»

Elena R. Feijóo

SANTIAGO

Cento vinte alumnos de bacharelato de toda Galicia debaten esta fin de semana sobre liberdade e seguridade

18 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Santiago Martínez é o organizador e o director da primeira liga de debates, unha iniciativa pioneira en España, na que participarán 24 institutos galegos. Durante toda esta fin de semana, os adolescentes reuniranse no Multiusos Fontes do Sar e centrarán os seus debates arredor do tema ¿Debe primar a seguridade pública fronte ás liberdades individuais? . Os equipos irán debatendo sobre o asunto ata que ao final so quede un gañador, que recibirá como premio unha viaxe ao parque Warner Bros de Madrid tanto para os compoñentes do equipo como para os seus compañeiros do instituto.

-¿Como naceu a idea de crear unha liga de debate entre institutos?

-Eu participei en varios torneos universitarios, e nun torneo internacional latinoamericano, en Chile, comentáronme que facían este tipo de debates entre chicos de 15 e 16 anos. Así que se me ocorreu a idea de que tamén poderíamos organizar en Galicia algún.

-E púxose mans á obra para comezar a organizalo.

-Si, pensei que habería que facer algún debate entre os institutos galegos. Redactei a miña idea e presenteina á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, interesoulle e patrocinou o evento dende o primeiro momento.

-¿Cal é obxectivo deste debate?

-Que os rapaces aprendan a falar en público, facer un discurso crítico sobre o tema e ser tolerante. É unha maneira de complementar a súa formación.

-Unha materia pendente entre os adolescentes.

-Si, e non só entre os rapaces do instituto. A xente acaba a universidade sen saber falar en público. E con este tipo de debates apréndese a facer un enfrontamento dialéctico.

-Ademais, os equipos non saberán a postura que logo defenden.

-Así é. Ata uns minutos antes de que comece o debate non se sorteará a postura entre os equipos. Iso fai que os rapaces preparen ambas posturas, e así non vexan todo do mesma cor e que os argumentos sexan máis abertos.

-¿E por que se elixiu este tema?

-Os temas soen ser de controversia, interese social e de actualidade. Para que poidan ser argumentados dende ambas posturas.

-¿Que teñen que facer os equipos para poder gañar?

-Os xuíces valorarán dende a corrección no uso da lingua, o dominio do espazo e do tempo, o rigor das evidencias aportadas, o respecto... Teñen ata trece parámetros nos que se basearán cal é o gañador do debate.

-¿Espérase facer posteriores debates?

-A idea é que se repita o ano que vén, e que esta técnica de debate de competición se vaia instaurando nos institutos. Este ano puxemos un límite de 24 equipos pero esperamos que o próximo ano non haxa límite de prazas. Ademais estamos intentando crear unha liga entre as universidades galegas.

-¿E para cando un a nivel nacional?

-Este tipo de debates entre os institutos é pioneiro en España. Pero pode xurdir que a partir desta outras comunidades autónomas se animen e comecen a organizalas. E así, poder realizar un campionato nacional.