A obra teatral de dous composteláns gaña un premio que lle retiraron a outro autor no mesmo certame

Concha Pino

SANTIAGO

02 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Lu Pardo Varela e a Antonio Mauriz Martínez a chamada na que lles comunicaron que gañaran o premio literario Kutxa Ciudad de San Sebastián pareceulles unha tomadura de pelo. O fallo do xurado recaera en Juan Carlos Rubio, así que non daban creto.

A explicación é que a organización do certame retiroulle a Rubio o galardón porque a súa obra está rexistrada para a súa comercialización do ISBN, incumprindo as bases. Así que automaticamente declararon gañadora a peza que quedara en segundo lugar, El cuarto oscuro , a versión en castelán da que son autores esta parella de profesores afincados en Compostela pero que dan clase no instituto Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, Lu de Lengua e Literatura Española e Antonio de Latín e Cultura Clásica, unha materia optativa con moito éxito entre os alumnos deste centro, no que tamén dirixen un grupo de teatro como actividade extraescolar.

Lu e Antonio están moi contentos por este rebote literario, «sobre todo porque o premio inclúe a publicación da obra, que no caso do teatro é difícil conseguir polas canles habituais», comentan para subliñar de seguido que a mágoa é que non é doado que se represente. O cuarto escuro «está claramente inspirada no entorno docente e na problemática dos adolescentes». É a historia dun adolescente que ten problemas no instituto e cunha familia con problemas. O seu escape é o teatro e a súa imaxinación, que desenvolve mentres sufre o castigo no chamado cuarto escuro pola súa inadaptación.

Os autores aseguran que a creación literaria conxunta resúltalles máis doada que se o fan individualmente. Lu si que se sente máis segura, «dáme confianza compartir as ideas que teño e o que escribo, o que non quita que discutamos, e ademais moito, para chegar a algúns acordos». Antonio engade que ao ser teatro é máis doado «porque nos repartimos escenas, non tanto personaxes». Xa teñen outra peza, O musiclown , que escribiron para representar co seu grupo escolar

O premio aínda se entrega en maio, pero xa o celebraron cos alumnos «que están tan contentos coma nós». Antes van participar no certame de teatro clásico de Lugo coa comedia As n ubes , de Aristófanes.