A Fundación Rosalía de Castro inicia un círculo de tertulias sobre a muller e o traballo

U. L.

SANTIAGO

25 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro, no lugar padronés da Matanza, comeza hoxe un ciclo de encontros baixo o título de Rosalías coas mulleres e que pretenden ser un círculo de tertulias arredor da muller e o traballo. Deste xeito, a partir das sete da tarde a médica Lourdes Maceiras falará no auditorio previa a actuación das actrices Mela Casal e Gloria Ferreiro, que interpretarán en cada cita un xoguete cómico-satírico.

Baixo a dirección da vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco, e co patrocinio da Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade cultural quere «rendir homenaxe activa na sociedade laboral, cultural e política» con estes encontros, nos que participan sete mulleres que abordan a súa profesión dende unha perspectiva feminina.

Ata o 27 de xuño pasarán pola Casa-Museo de A Matanza unha avogada, unha escritora, unha docente, unha xornalista, unha empresaria e a propia secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán. Deste modo, o 29 de febreiro falará María Pardal; o 7 de marzo Teresa Moure; o 28 de marzo Aurora Marco; o 25 de abril Tareixa Navaza; o 30 de maio María Luisa García Gil e, por último, o 27 de xuño a representante da Xunta.

A cita é sempre as sete da tarde e é aberta ao público polo que a Fundación Rosalía fai un chamamento a participación na mesma.