«Versionar aos clásicos é moi positivo se se fai con respecto e moitocoidado»

C. P.

SANTIAGO

24 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A editora Rodeira iniciou na Libraría Couceiro un programa de animación á lectura, con talleres de plástica e audiovisuais, arredor de A Odisea contada aos nenos , unha versión infantil da obra clásica realizada por Rosa Navarro e traducida ao galego por Xavier Senín e Isabel Soto, un traballo polo que recibiron o premio Lois Tobío de Tradución do 2007 concedido pola Asociación Galega de Editores.

-¿Traducir a versión dun clásico presenta máis dificultades cando non se traballa co orixinal?

-Traducimos do castelán, pero manexei a tradución do grego feita hai anos por Evaristo de Cela que editou o Consello da Cultura, para comprobar que non hai diferenzas fundamentais, pero sobre todo para usar os mesmos nomes de lugares e de localización que el traballara e que pensei que había que manter como referencia.

-¿A adaptación é so de linguaxe?

-Ao meu xuízo está moi ben feita. Está adaptada para a súa comprensión polos nenos, tanto na linguaxe como na narración dos acontecementos, e reduce o texto orixinal, con moitas ilustracións. Mantén a tensión e á fidelidade ao espírito da Odisea, da aventura de Ulises no seu regreso a Ítaca trala guerra de Troia.

-¿É a mellor maneira de que os nenos coñezan os clásicos?

-Sempre que sexan versións feitas con respecto e coidado son moi positivas sempre, pero nunca xamais poden eclipsar a obra orixinal.