«Para traducir hai que ter en conta que unha lingua son sentimentos, cores»

C. P.

SANTIAGO

13 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Galaxia vén de incorporar á Biblioteca Compostela de Narrativa Europea a primeira obra do escritor turco e premio Nobel de Literatura 2006 Orhan Pamuk, O castelo branco. Para traducir directamente da lingua orixinal deron con Bartug Aykan (Adrianópolis-Turquía, 1971), profesor de alemán na Escola Oficial de Idiomas de Santiago. Criouse e educouse en Alemaña, a onde emigraron seus país cando el tiña dous anos. -¿Como veu dar a Compostela? -Porque a miña muller é galega. Coñecémonos en París e mudei os plans de irme aos Estados Unidos ou Canadá. E xa levo aquí dez anos.

-É a súa primeira tradución literaria ao galego. ¿Como foi o proceso?

-Tiña feito tradución doutro tipo de textos, e para este libro pedíronme que asesorase á persoa que ía traducilo a partires do inglés. Pero non quedaba ben, perdíanse cousas, matices, e incluso daba lugar a erros, porque unha lingua son sentimentos e as palabras teñen moitas cores. Así que se lle deu a volta ao proceso, e eu traducín con Eva Almazán de asesora de galego, que eu non domino. Foi moi interesante, moi fermoso. Estamos traducindo Istambul, e penso que nos quedan sete ou oito libros máis por diante. -Pamuk descubriunos a literatura turca. ¿Coñecía a súa obra? -Si, lera varias das súas novelas, e gústame moito. Con el ábrese por fin ao mundo unha cultura moi rica e cunha dobre identidade que Pamuk reflicte moi ben na súa obra.