«Ofrezo a observación persoal dos nómades sen afán antropolóxico»

C. P.

SANTIAGO

16 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A fotografía prendeu nas expectativas creadoras de Manuel Valcárcel (Monforte, 1977) ao tempo que traballa como cámara para Mediapro e como free lance internacional. Así que fai fotografía nas vacacións e no tempo libre nas viaxes de traballo. Dese xeito naceu a exposición aberta onte na Aula de Cultura de Caixa Galicia, Nómades. Fotografías de Manuel Valcárcel , con 53 fotos a cor de cinco pobos nómades dos cinco continentes, da que hoxe se presenta o catálogo, con 150 imaxes. -¿Por que os pobos nómades? -Interesábame unha forma de vida que se extingue, e reunira moita información noutras viaxes. -Coa mirada dun antropólogo. -Non quero entrar en campos que non me corresponden. Ofrezo unha observación persoal, vivencias lonxe da mirada dun turista. En todos os casos foi un encontro e a convivencia de semanas con estes grupos. -¿Onde comezou a viaxe? -En Asía, cos pastores do Tíbet, e en África, no deserto do Sahara alxerino, cos tuaregs. Á volta souben que Caixa Galicia aceptara o meu proxecto completo, así que fun a Romanía., a Perú e a Papúa Nova Guinea, en Oceanía. -¿En que sitio atopou dificultades? -Pois en Romanía, porque xa é difícil atopar cíngaros auténticos. E no altiplano do Himalaia e no lago Titicaca do Perú, pola altitude. En Papúa non foi doado, porque viven sempre na auga.