«Busco personaxes populares e cun atractivo para a xente»

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

CLARA CANO

O teatro de rúa levouno ao mundo dos xigantes e cabezudos e á escultura que entronca co arte Pop, pero tamén ten outra faceta como escultor conceptual

14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

César Lombera Moret (Baracaldo, 1953) ten tras de si tanta vida recreada como de creación propia. Naceu vasco pero é galego de Catoira, a onde volveron seus pais para asentarse cando tiña 9 anos, e séntese marcado pola cultura mediterránea na que se recoñeceu logo dos anos de formación e iniciación artística en Barcelona e Levante. De aí o sentido estético da súa obra pública, vinculada a Compostela dende que saíu adiante a súa proposta de esculpir As Marías, no 1995. -Documenteime moito, pero o fundamental é que as cheguei a coñecer, porque ate que morreu Maruxa, no 82 ou 83, e Coralia se foi á Coruña, seguían saíndo. Ademais, cando as estaba modelando falláronme as soldaduras e caéronme ao chan, co cal tiven que repetir todo o traballo, e ao reconstruílas mellorei o modelado e o detalle. -¿Había fotos delas, non? -Daquela non, foron aparecendo co tempo. Cando se inaugurou a estatua editouse un pequeno libro coa documentación que reunín e na que me baseei para facelas, pero está a piques de saír unha edición nova, ampliada e corrixida, con máis documentación gráfica e artigos que falan do mito das Marías, do que cada quen ten una versión diferente. -¿Cal é a súa? -Para min eran unhas mulleres incribles que nunca foron entendidas. Tomábannas de broma pola súa maneira de vestiren, cando esa era a forma de expresaren a súa concepción da liberdade. Eran fillas dun zapateiro, Fandiño, unha familia de trece irmáns que ten problemas co alzamento militar do 36, porque un irmán era dos fundadores da CNT. Pero elas non se repregaron, mantivéronse fieis ao espírito e a modernidade da República. -Os seus inicios artísticos están unidos ao teatro e co cartón pedra. ¿Como foi? -A vocación venme un pouco porque meu pai tiña unha empresa de fundición, e de pequeno deixábanme xogar coas areas negras que quedaban. Como era fillo de empresario tiven que estudar económicas, moi ao meu pesar, e deixeino aos tres anos para tirar pola miña vocación. Estiven unha temporada en París, logo en Bilbao facendo o ingreso en Belas Artes, e acabei en Barcelona na transición. Era o centro da cultura europea, e dediqueime á pintura e á escultura, e sobre todo entrei en contacto co teatro de rúa, que me levou ao mundo dos xigantes e cabezudos e á estética mediterránea das fallas. -¿Explica iso o tipo de esculturas de personaxes? -A mediados dos 80 aparteime da farándula e centreime nun proxecto de construción de xigantes e cabezudos, coincidindo co auxe da recuperación das festas populares. Cando decaeu empecei coa escultura dende a perspectiva de personaxes populares, que alguén definiu como un entronque co Pop, pero un Pop moi peculiar, no sentido de que sempre procuro buscar persoeiros que teñen algo que transcende e que teñen un atractivo que conecte na rúa coa xente. Baixar dos pedestais e catafalcos as estatuas. -Coas Marías logrouno, aínda que as pintadas xa obrigaron a repintalas. -Son do máis fotografado da cidade e unha referencia como punto de encontro. O das pintadas non ten maior problema se as limpan de cando en vez, mesmo a persoa que se ocupa dos urinarios públicos que están preto. Faise sen problema porque é pintura como a dos coches. -¿Cal foi o primeiro personaxe destas características? -As Marías. Tiña feito algunhas cousiñas, pero a nivel de obra pública son as primeiras, e as que teñen relevancia, porque a partires delas fixen moitos personaxes en Galicia, e algúns en Euskadi e en Cataluña. Teimei con elas durante moitos anos, porque para min eran un referente de liberdade. Empecei facéndoas cando eramos artesáns do cartón pedra, e foron unha das figuras que máis vendimos.