Hanne Hukkelberg ofrece no Salón Teatro un recital da súa innovadora música

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

A cantante norueguesa combina o eclecticismo sonoro co pop-cabaré e a electrónica

06 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A cantante norueguesa Hanne Hukkelberg ofrece esta noite no Salón Teatro un concerto no que presentará o seu segundo disco, Rykestrasse 68 , un traballo que seica transcende estilos e fronteiras, que apareceu editado en España no pasado mes de abril. A actuación desta cantante e multiinstrumentista precoz ten lugar no marco do Festival Sinsal, que ate o de agora se viña celebrando en Vigo e que dende esta edición ten una extensión en Santiago. O Centro Dramático Galego asumiu esta parte da programación de Sinsal dentro da súa política de apertura do Salón Teatro, que é a súa sede e o espazo habitual das súas representacións, a todo tipo de manifestacións escénicas e musicais contemporáneas, dende unha perspectiva multidisciplinar e integrada. O Festival Sinsal é un dos certames musicais máis arriscados e innovadores, contexto no que se move esta artista nórdica, que combina o eclecticismo sonoro co pop-cabaré e a electrónica, e potenciando o jazzy na súa punzante e emotiva voz. O innovador resultado é un son insospeitado, onírico, fráxil e máxico, que gaña co directo. A ensoñación da súa música transmite fascinación e sitúaa, segundo o críticos, nunha encrucillada entre Björk e Joanna Newson, Stinanstam e Billie Holiday. O primeiro disco de Hanne Hukkelberg foi Little Things , despois de dous anos de percorrer Oslo en bicicleta buscando sons e impresións. O título deste novo traballo é o nome da rúa na que viviu seis meses en Berlín, e conserva a mesma carga onírica do anterior álbum. Por outra parte, neste disco contou coa colaboración dos grandes nomes do jazz nórdico como os membros de Jaga Jazzist, Dinosau e Shining. A xoven Hukkelberg incorpora a súa bicicleta ao escenario, porque colle o son da roda ao xirar. O concerto, un dos dous que a sorprendente cantante ofrece en España dentro da súa xira, dará comezo ás 22.00 horas. As entradas estarán á venda, a 10 euros, dende dúas horas antes do inicio, cun 40% de desconto para os estudantes, persoas maiores de 65 anos e para os que teñen o carné xoven.