A terceira Foliada reúne hoxe a gaiteiros, bailadores e artesáns de toda Galicia

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

28 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? Pazo de Congresos e Exposición de Melide acolle hoxe a terceira edición da Foliada organizada pola Asociación Cultural e Musical O Castelo, que reunirá durante toda a xornada a gaiteiros, bailadores, e artesáns de toda Galicia. Un pasarrúas a cargo da agrupación musical do colectivo organizador anunciará pola vila a apertura do recinto, que, a partires das once da mañá, acollerá unha mostra de artesanía, e catro exposicións vinculadas co folclore galego, os instrumentos antigos, o traballo desenvolvido pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e os xogos populares, ésta última organizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. A partires da unha da tarde, dous grupos, un de Tordoia e outro de Bandeira, farán a primeira das exhibicións de baile, que terán continuidade ó longo de todo o serán por parte de varias agrupacións melidás, así como doutras de Antas de Ulla, Agolada, Silleda, A Estrada, e Sobrado dos Monxes. A media tarde, a nota musical poñerana o cantautor galego Miro Casabella, e Benigno Penas e Xosé Sánchez, con harmónica e cantos tradicionais, respectivamente. Tras estas actuacións, unha marcha gaiteira polas rúas da vila convidará á xente a participar da festa ata a madrugada. O programa da Foliada de Melide tamén inclúe unha obra de monicreques para os máis cativos, que se representará pola mañá, e obradoiros sobre a tradición dos Maios, e sobre a fía. Asimesmo, celebrarase a segunda edición do seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega, no que intervirán os artesáns Antón Corral, e Juan Brea, entre outros. Será no centro multiusos a partir das 13.00 horas.