Carme Ríos Panisse recupera a poesía de Pintos Villar nunha edición crítica
SANTIAGO
Carme Ríos Panisse cifra nuns 10.000 versos a obra poética de Pintos Villar.
15 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, presentou no Consello da Cultura o libro que vén de publicar esta institución, Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos Villar , unha edición crítica e anotada da investigadora compostelá Carme Ríos Panisse, que recupera toda a produción espallada en diferentes publicacións dun dos escritores galegos do XIX que forma parte da xeración dos precursores, coñecido pola obra A gaita galega , da que só conseguíu ver publicada a primeira quenda de sete fascículos. Carme Ríos Panisse cifra nuns 10.000 versos a obra poética de Pintos Villar que rastrexou nas bibliotecas de Pontevedra, a da Real Academia Galega, Padre Sarmiento e a do ILG fundamentalmente. O libro contén un apéndice con algúns textos en prosa do autor, que a xuízo da editora da súa obra, «se tivese a inspiración de Rosalía sería o primeiro poeta culto da literatura galega». Pero Pintos Villar, como tamén explicou Carme Ríos na presentación da obra, dominaba a escrita poética, pero non se preocupaba tanto de buscar a beleza estética como de educar a traveso dela, porque escribía con afán didáctico e cunha preocupación pola lingua, da que foi un firme defensor, que o converte nun dos escritores máis completos e ricos a nivel lingüístico e no máis destacado dos precursores do Rexurdimento.