Unha mostra de portadas revive cerca dun século de «La Casa de la Troya»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

Na exposición figura a ilustración que fixo Castelao para a primeira edición da obra A novela de Pérez Lugín ambientada en Compostela foi publicada en 1915

28 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A memoria de Alejandro Pérez Lugín permanece viva a traveso da noveliña romántica que publicou en 1915 e da que nestes 90 anos se levan feito máis de cen reedicións e reimpresións. O padroado do Museo da Casa da rúa da Troia montou unha exposición no Café Casino, que reúne unha selección de dezaoito ilustracións doutras tantas edicións da obra. A primeira edición da novela é de 1915 e a ilustración da súa portada era de Daniel Castelao, que daquela estudaba Medicina en Compostela e participaba activamente da rexouba universitaria como integrante da tuna, da estudantina compostelá, na que era guitarrista de primeira corda, como lembrou José Luis Bernal, Farruco, na charla sobre Castelao e a súa relación co mundo da Casa da Troia que introduciu o acto de inauguración da exposición polo presidente do padroado do museo, Benigno Amor. A portada daquela primeira edición ilustrada polo artista, intelectual e político galeguista non figura na montaxe expositiva, pero está a de 1924, que a mantén. A mostra parte de 1919, coa ilustración do cartel da primeira adaptación teatral da obra, feita polo propio Pérez Lugín e Manuel Linares Rivas, na que aparece en primeirísimo plano a actriz Carmen Jiménez, que lle dera vida na escena á protagonista da novela, Carmiña Castro Retén. A selección remata no 2000, ano no que se fixeron dúas edición distintas, unha delas de Pepe Navarro, La Colección. Na escolla que fixo o padroado de La casa da Troya están as ilustracións das tres adaptacións teatrais e as seis edicións feitas pola desaparecida librería compostelá Galí nos anos 1925, 1939, 1943, 1967, 1985 e 1990. Tamén se pode ver a única edición da novela en galego, A casa da rúa da Troia , publicada en 1938 na colección Os Romances. Farruco, profundo coñecedor da Compostela máis entrañable e popular, contou que a súa primeira experiencia cinematográfica foi como figurante na rodaxe da quinta versión, e ate agora a última e a máis coñecida, dirixida en 1959 por Rafael Gil e protagonizada por Arturo Fernández, cando empezaba a despuntar como galán de cine. A casa que lle da nome a obra existe e segue aí, recreando un mundo que xa non existe.