VAI POR AÍ NA FIN DE SEMANA Os estribillos seguen aquí

La Voz

SANTIAGO

15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A música pop é algo enganosa porque hai moitos días nos que é moi mal entendida. Un dos cometidos da música pop é facer melodías recordables e estribillos que queden pendurados da memoria sen ocupar moito espazo. Hai quen xulga esas cousas con lixeireza ou con extrema dureza, pero logo, pasa o tempo, e xa decide que é o que prevalece e o que non. Se teño problemas para definir o que é España, máis problemas terei para saber o que é a música española. En calquera caso, unha parte da música en español dos últimos anos está marcada polas melodías e polos estribillos dun grupo que, con nomes diferentes, sempre tiña de cantante a Olvido Gara. Dicía Den Xiao Ping que para saber se a revolución chinesa foi positiva habería que esperar mil anos. Para a música pop tamén teriamos que esperar. Entretanto pasan os mil anos un dos argumentos a favor de Alaska e os seus sucesivos soportes musicais é que o mesmo recibiu a aquiescencia dos modernos, dos diletantes, da nuevaola, dos pinchas, dos tecnos e mesmo das orquestras das verbenas. Case non houbo espazo musical no que algunha vez unha canción de Alaska tivese un éxito e, nese sentido, se pode dicir que é un dos grupos máis transversais da música da cultura veciña, para bailar, para asubiar ou para sorprender nunha conferencia cunha cita a contracorrente, poscultural ou prerrevolucionaria. Fangoria anda na presentación do seu último disco, El extraño viaje , e cando menos hai unha volta á música pop máis directa, menos sintética e todas esas cousa que, en realidade, só interesan cando alguén considera que os grupos pop son como o santoral e hai que recordar cada un dos seus feitos. Pero como non son, porque cos santos se baila fatal, o asunto está en divertirse un pouco e deixarlle a transcendencia á historia.