Entrevista | Montserrat López Merino O centro xestiona que Educación homologue algunha das actividades que ten programadas para este curso
23 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?sta ourensana, profesora de linguaxe musical e superior de piano, preside tamén a Asociación Galega de Musicoterapia e defende unha perspectiva transversal da música: «O ritmo, a melodía ou a harmonía permiten traballar todas as disciplinas, como Xeografía, Historia, Matemáticas, Logopedia, ou axudar o alumnado con problemas de conducta, entre outras. E entender e integrar mellor as culturas doutros países», afirma Montserrat López. Xestiona que Educación recoñeza e homologue algunhas actividades da Escola Municipal de Música xa neste curso. -O noso obxectivo é crear afición, que o alumnado poda experimentar diferentes músicas. Algúns, e tamén parte dos pais, consideran que somos unha especie de sucursal do conservatorio, que se poden preparar aquí para acceder a estudos profesionais. -¿E poden? -Sí que poden. Temos un plano de estudos de 8 cursos, en 3 niveis. Algúns adultos descobren que se poden preparar para unha dedicación profesional. O noso modelo é semellante ao de outros países europeos. E non discriminamos a ninguén, incluimos oferta pensada para persoas con necesidades educativas especiais, que outras escolas non admiten. -¿Que ofrecen para esas persoas? -O ano pasado xa traballamos en grupo con alumnado con síndrome de Down. Como acontece no ensino obrigatorio, pensamos que é unha necesidade a integración. Vemos o que pode dar a persoa, para que os estudos musicais non sexan só para xente privilexiada e con desenvolvemento físico ou psíquico perfectos. Como o das outras artes, a música debe ser un dereito para todos, para potenciar o psiquismo creador da persoa. -¿Por que promoven agora unha orquestra? -Temos materias de conxuntos instrumentais, ou orquestra no cuarto ano. Xa comezamos os ensaios con 18 músicos e van ser 19 en breve, con violíns, viola, guitarras, saxofón, frauta traveseira, clarinete trompeta, percusión e piano. A idea é que sexan uns 25, con equilibrio de músicos infantis e adultos. E temos tamén un coro con 50 integrantes infantis e 25 adultos. É unha aposta moi interesante, que vamos presentar no Nadal.