Laurent Millet expón na Igrexa da Universidade imaxes soñadas

La Voz C. P. | SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

A mostra está organizada polo Centro Galego de Artes da Imaxe Son fotografías creadas con obxectos fráxiles que existen ou que constrúe como debuxos é

10 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A igrexa da Universidade reúne nunha exposición retrospectiva organizada polo Centro galego de Artes da Imaxe (CGAI) a obra do artista francés Laurent Millet, un creador de imaxes de reminiscencias antropolóxicas e fonda poética minimalista, que capta en fotografías a fraxilidade da existencia por medio de obxectos que existen na natureza ou que recrea como se fosen debuxos. A mostra, comisariada polo tamén fotógrafo Manuel Vilariño, preséntase co título Laurent Millet. Pequenas máquinas soñando imaxes . Son coarenta fotografías que falan da traxectoria dun artista novo, porque naceu en 1968 na costa da Bretaña Francesa, e que só hai unha década que empezou a crear as súas imaxes soñadas, que malia o que di o título da mostra, non teñen de máquinas máis do que a conexión á rede eléctrica nas obras máis recentes parece querer indicar. A móstra ábrese coa obra máis anovadora na produción de Millet, que ademáis de ser de gran formato ten unha gran forza expresiva. Son os cadros nos que utiliza por primeira vez a cor e que ademais teñen en común que están recreados no interior da vivenda do artista e cun fondo branco sobre o que inventa formas que nos devolven un debuxo con liñas que son fíos ou aramios, e elementos de cor que son froitas, bolas de goma ou papeis e uns poucos obxectos. Estas pezas son unha homenaxe a Joan Miró e Paul Klee, dos pintores contemporáneos aos que admira. Pero como se o soño pasara da luz á sombra, a montaxe expositiva leva ao espectador da luminosidad destas obras as primeiras que creou Laurent Millet, en branco e negro e feitas cunha técnica antiga de caixa negra. Pero tamén é un percorrido ás orixes, non só das súas como artistas, que non de fotógrafo, senón á beleza de formas artesanais e antropolóxicas. Laurent Millet, que ten a súa obra en importantes coleccións públicas de Francia e Estados Unidos, empezou creando as súas ensoñacións a partires de antigas artes de pesca do seu pobo, e a auga é unha constante que se repite ate que se refuxia no branco da súa vivenda. O resultado son imaxes de esculturas tan reais como materia, que case sempre é madeira, como oníricas nas súas formas. A exposición estará aberta ao público ate o 16 de abril.