A nova etapa aberta polo Conservatorio Histórico comenzou onte a andar

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

O centro está no edificio de Salvador Parga que ocupara a Sociedad de Amigos del País A cooperativa que o xestiona é pioneira na oferta diversificada oficial e non reglada

22 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O Conservatorio Histórico de Santiago inaugurou o primeiro curso da súa andadura como centro de estudios musicais oficiais e non oficiais cun sinxelo acto no que as estrelas foron os alumnos que ofreceron un concerto a un entregado público de profesores, pais, amigos e unha chea de compañeiros. Os discursos da presidenta e dúas profesoras rememoraron os obxectivos cos que un grupo de seis docentes dediciu afrontar o difícil reto de constituiren unha cooperativa para tomar o relevo e crear un Conservatorio que toma o relevo do que durante décadas xestionou a Real Sociedade Económica de Amigos del País, que esmorecía sen remedio trala creación pola Xunta do Conservatorio público. Adoptaron o nome de Conservatorio Histórico e manteñen a mesma sede, no edificio da praza de Salvador Parga, que lles cedeu Caixa Galicia, propietaria do inmoble. A aventura do colectivo docente, cun xerente que lles resolve os asuntos de xestión económica, é un éxito a xulgar polos más de 200 alumnos matriculados, a maioría para seguir estudios oficiais de grado elemental e medio, os mesmos que se imparten no centro público. Pero a aposta diferenciada e novidosa do Conservatorio Histórico está na oferta de estudios musicais non regrados, e polo tanto non oficiais, para nenos e adultos. Dispoñen dun conservatorio infantil, no que se inician na música nenos e nenas de 4 a 7 anos cun programa didáctico lúdico e nunhas dependencias específicas e adaptadas a esta etapa. A Escola de Música que puxeron en marcha é unha opción para aprender a tocar calquera instrumento, a cantar o ler música sen limitacións de idade, prazas nin nivel de coñecimentos. Teñen alumnos de ata 80 anos coa ilusión de recuperar a seu amor pola música e outros que buscan reforzar coñecementos ou só aprender sen as rixideces do programa de estudos oficiais. Esther Sobral, unha das profesoras do centro, asegura que son pioneiros nesta liña de ensino musical, «porque non hai moitos luigares nos que se adapten ás capacidades e posibilidades dos alumnos». No Conservatorio Histórico tamén van a clase mestres e alumnos de maxisterio, xente que quere aprender a tocar instrumentos tradicionais como a gaita e a pendeireta. Os bombóns que se serviron tralo concerto foron como o símbolo do bo sabor polos resultados da iniciativa.