Unha cooperativa pon en marcha o Conservatorio Histórico de Santiago

Mantén a oferta de ensinanzas oficiais de grao elemental e medio e amplía as non oficiais Renace das cinzas do centro que xestionara a Real Sociedade Económica


la voz | santiago

A cidade amplía e diversifica a oferta de ensinanzas musicais. O Conservatorio que ate hai un ano xestionara a Real Sociedade Económica de Amigos del País, e que durante moitas décadas foi o único que existiu en Compostela, deixoulle sitio ao Conservatorio Histórico de Santiago. Bota andar este curso no mesmo edificio da praza de Salvador Parga, 4-5, cedido por Caixa Galicia, propiataria do inmoble, á nova sociedade.O centro renace por iniciativa de seis dos antigos profesores, que decidiron constituír unha cooperativa. É unha aposta «con moita ilusión, entusiasmo, profesionalidade e compromiso, ademais de esforzo e confianza», somo sinala Esther Sobral, promotora do proxecto xunto con Lourdes Sánchez, Vera Kolar, Montse Porto, Adolfo Urrabieta e Isabel Villoch. Arrancan cunha xerencia profesionalizada para unha andaina empresarialmente nova, e danlle continuidade a antiga oferta musical co impulso de abrir unha etapa distinta e con máis actividades. Esther Sobral comenta que nesta cidade «hai espacio para todos», e deixa claro que non se trata de competir co Conservatorio público, co que di estar non só de acordo senón «moi contenta de que exista», nin con ningunha outra escola. No programa de actividades mantéñense as ensinanzas oficiais de grao alemental e medio que xa impartía o antigo conservatorio. Tamén segue a Escola de Música non oficial, que a xuizo de Esther era unha gran descoñecida, reforzada con novas disciplinas e actividades nas que priman a atención personalizada e a formación de calidade. A novidade é o Conservatorio Infantil para nenos e nenas de 4 a 7 anos, aos que ensinarán as cores da música e o papel de cada instrumento en audicións, e ensinaranlles creatividade e expresión corporal. Os prezos preséntanse como asequibles. Matricularse en Linguaxe Musical para adultos, por exemplo, custa 80 euros, e as clases 25 euros ao mes. O prezo sube algo se ademais recibe clases dalgún instrumento. No caso de tratarse de nenos, a matrícula é de 60 euros e 30 euros ao mes.

Votación
0 votos

Unha cooperativa pon en marcha o Conservatorio Histórico de Santiago