Os pallasos falan cada vez máis

Camilo Franco SANTIAGO

SANTIAGO

Crónica | Unha semana de Festiclown, que remata hoxe O festival de Compostela demostra a ampliación dos territorios do clown para chegar por unha parte ata os monólogos e para incorporar todo tipo de linguaxes

06 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?enos para gobernar, un pallaso vale para case todo e aínda esto teriamos que repasalo. O Festiclown remata hoxe unha semana con narices vermellas, con algunhas pautas moi marcadas e coa etiqueta clown ampliada a un territorio no que conviven desde os monólogos ata os malabares. Na Mostra internacional, unha cousa de cada para deixar contento a un público que, como pouco, é entusiasta. O xénero, de ben difícil definición, anda cada vez máis metido en ampliacións ata o punto de que vai ocupando espazos que, necesariamente, non proceden dos pallasos. Os pallasos cada vez falan máis. Tampouco é que sexan incontinentes porque son simpáticos e manteñen invariable o obxectivo da risa. Virginia Imaz , por exemplo, ten un estupendo monólogo, divertido e mesmo áxil, pero non moi clown. A parroquia de Bassi Para monologuista, Leo Bassi . Un dos problemas de ir ver a Bassi é estar de acordo con el. Cos anos, o bufón italiano vaise volvendo reflexivo. Non deixa de ser curioso que este seu último espectáculo, tan ateo, tan decidido a sinalar os paradoxos do catolicismo, acabe por utilizar un dos xéneros de comunicación co público máis propios da Igrexa: o sermón. Como o crego dunha parroquia atea. Bassi sermonea con intención, con ganas, con algúns apuntes coñecidos e con ocorrencias sublimes. Á hora da catarse, o cómico é bastante mellor que a liturxia católica e, por un momento, aparece o cómico que se fixo famoso como machacador de froita e como abroncador de espectadores distraidos. Agora todo é máis tranquilo. Despois da catarse, volve o monólogo. Incluso nos tres actos hai algo de misa atea. Debe ser certo que hai algo de mimético no traballo dun bufón e Bassi mimetiza as formas de relacionarse cos fregueses. Para esto e para o demais ten máis razón que un santo, mesmo cando declara o seu gusto polo Chopin máis melancólico. se manexa con moita soltura, manexa ao público case como se fose unha parte máis do seu corpo, pero o seu espectáculo anda algo escaso porque parece darlle moitas voltas a cousas variadas pero non acaba de meterse en ningunha por completo. No apartado internacional do Festiclown os dous traballos que asumen mellor as condicións do clown poden ser os de Álex Navarro e máis o traballo de Jango Edwars e Peter Ercolano, aínda que en distintas direccións. No caso de L'home xoc , o personaxe utilizado, a inmediatez con que utiliza a parodia e a necesidade de manexar maneiras tan variadas, fan del un clown de toda a vida con traballos novos. No outro caso, unha parella de pallasos sí que parece un asunto de toda a vida. Outra cousa é que os pallasos estean toda a vida adicándose ao mesmo. Edwars e máis Ercolano entran nos números que poderiamos denominar de repertorio. Pero os repertorios non están para facelos con respeto senón para utilizalos máis ou menos como fai Bassi con esa organización relixiosa que manda en occidente.