Entrevista | José Couceiro Follente No Hospital Clínico comezarán en breve duas novas técnicas: implantar cartílagos fabricados con células do propio doente, e transplantar meniscos, segundo afirma este especialista
21 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.«Estamos a ultimar tecnoloxía para poder producir ósos no laboratorio, a partir das células obtidas dos propios doentes», afirma José Couceiro, director do Instituto de Ortopedia da USC e cirurxán de traumatoloxía. -O proceso consiste en extraer células a doentes, que se cultivan nos laboratorios do Instituto de Ortopedia, e tratamos de facer ósos a expensas desas células. -¿Hai precedentes diso? -Si que os hai. Nós mesmos temos aquí un antecedente, que é que sacamos células de cartílagos de doentes e, unha vez procesadas, con elas fabricamos cartílagos. E vamos comezar a implantar eses tecidos que producimos aquí en doentes. -¿Cando o farán? -Esperamos comezar antes de final de ano, no outono. -¿De que depende o inicio? -Dos procesos administrativos. Pola nosa parte está todo pronto para comezar. No entanto, falta a autorización de varios tribunais, comité ético, e outros requisitos preceptivos. -¿Canto pode durar un óso transplantado? -Depende do lugar en que se encontre. Pode durar toda a vida no caso de se integrar e pasar a formar parte do propio organismo. De non ser así, cumpre unha función un tempo e despois o doente utiliza o propio óso. -¿Ve posibilidades de poder facer óso artificial? -Quizá se poda chegar a iso. Aínda que agora mesmo dependemos das doazóns absolutamente. -¿Que perspectivas teñen para un futuro inmediato? -Aquí en Santiago temos pensado principiar a facer transplante de menisco. Até agora a alternativa máis frecuente é extraer o menisco, que resulta unha operación simple, sobre todo en persoas novas. Non obstante, andar sen menisco non é conveniente para o xoenllo. -¿Cando van comezar? -Os cirurxáns e artroscopistas do noso servizo están a se organizar para comezar a implantar meniscos, procedentes de doadores tamén. Pensamos que se vai facer esa intervención de maneira continua. O doutor Hermida iniciou a preparación xa de alguns meniscos no laboratorio do Instituto de Ortopedia, pensando en doentes que están en lista de espera. Iso xa está en andamento, entendo que comezará en breve.