A cidade bota a casa pola ventá nos dezaseis días de Festas do Apóstolo

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O Concello aporta 300.000 dos 867.000 euros do maior presuposto fóra dos xacobeos O Compostela Festival ábrese ás tendencias do mundo con artistas de fóra e de Galicia

07 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A polifacética actriz compostelá Teté Delgado é a encargada de abrir co seu pregón as Festas do Apóstolo 2005, dezaseis días de actos para todos os gustos, idades, estados de ánimo e disposición de horas e economías, porque como dixo o concelleiro de Festas Xosé Baqueiro, o programa máis amplo e de máis presuposto dos últimos anos, agás cando foi Xacobeo e o da Capitalidade Cultural, é «aberto e plural, para todas as xeracións». Ofrecer dúas semanas de actos lúdicos, deportivos e de caracter cultural costa nada menos que 867.000 euros, incluíndo os 180.000 dos fogos da véspera do Apóstolo e os que pecharán o programa o día 31. O deseño do espectáculo multimedia é de Coronado, e os fogos montaraos a empresa valenciana Zamorano-Caballer. O Concello aporta 300.000 euros e o resto proceden de patrocinios e do que contan recaudar polas entradas dos oito concertos de pago. O programa definitivo presentado onte confirma que o cantante cántabro saído de OT David Bustamante vai protagonizar o arranque das festas cun concerto gratuíto no Obradorio dende que Teté Delgado fale no balcón de Raxoi. Na Quintana tamén cantarán Manolo García (día 20 ás 22.30) e Amaral (día 29 ás 22.30). E como extensión, o 5 de agosto no Obradoiro, Ángel Corella e as estrelas do American Ballet inician en Compostela unha xira por España. Carnaval de Candeal Tamén é firme que o veterano grupo Hombres G despedirá a esmorga na Quintana. Será ao rematar os fogos pequenos que despiden as festas as 23.00 nas escaleiras da Residencia. Este espectáculo pirotécnico estará precedido pola gran troulada do carnaval de Candeal, a favela de San Salvador de Bahía da que procede Carlinhos Brown (que non vai estar), ao rítmo de Timbalada. A cousa non queda aí, porque no marco das festas celébrase o Compostela Festival, cun cartel de luxo que achega do 21 ao 26 seis espectáculos cunha chea de artistas de primeira liña. Ábreo o neoyorquino Antony and The Johnson; segue co Macaco e a súa fusión de músicas latinas, hip-hop, funk e ate son do brasil e reggea; con Sargento García, que presenta o último e exitoso disco da banda; coa parella Chico César & Ray Lema, que fusionan o Brasil co Congo nunha xira especial; e na noite do 25 de xullo, coa belga filla de emigrantes galegos Verónica Codesal, que ofrece un espectáculo no que ademáis de actuar o seu grupo, Ialma, e co que participou en Eurovisión, Urban Trad, ten de convidados a Budiño, Mercedes Peón, Uxía, Leilía e Susana Seivane. O 26 remata con Bebe, a artista española revelación do 2004, con Caravana Gitana. As entradas xa se poden adquirir na teletaquilla de caixa Galicia (902 434 443) e a partires do luns nas taquillas do Teatro Principal e na oficina de turismo da praza de Galicia.