Nélida Piñón di que coa tradución ao galego «A república dos soños» acada o seu verdadeiro rostro
SANTIAGO
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, presentou onte nun sinxelo acto público a edición en galego da novela de referencia da escritora brasileña Nelida Piñón, que definiu como «a crónica da xente emigrante», que escribiu co seu corazón «cargado da mítica galeguidade, de nostalxia da terra». A obra en galego foi editada por Galaxia, pero por mor do «entusismo» do presidente da Xunta e da Consellería de Educación, «que venceron as resistencias da editorial e os prexuízos de traducir unha obra escrita en portugués do Brasil», como suliñou na presentación o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes. A Xunta mercou 800 dos 1.000 exemplares da tirada, un número de volumes que leva un prólogo de Manuel Fraga, dúas páxinas que non conteñen os 200 que distribuiu para a venda nas librarías a editora. O editor suliñou que a tradución limítase «a poñer na ortografía galega o espírito da lingua orixinal da obra», que «é a novela máis importante da emigración galega» Engadiu que se Nélida Piñón acada o Premio Nobel, Galicia entrará con ela nese olimpo. Nélida Piñón, filla e neta de galegos polos catro costados, proclamouse «unha muller dupla, enriquecida polas dúas culturas que me permiten mirar o horizonte de forma multiplicadora». Asegurou que con A república dos soños sente como se nela se producira unha síntese da súa traxectoria familiar e persoal. Lembrou que cando ingresou na Academia das Letras do Brasil a primeira frase do seu discurso foi: «Son unha brasileira recente». Apontou que a súa mirada ao Brasil foi, en certo modo, «de extranxeira, anovadora, gracias ás miñas raíces galegas, unha realidade que me contaminou ata hoxe».