Renato Ratoni estréase como guía na mostra sobre Cosme de Médicis

Nacho Mirás SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

O personaxe creado por Xosé Antonio Neira Cruz protagoniza tamén un conto-catálogo Un rato achegará ós máis pequenos o contido da exposición do Museo Diocesano

02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?enato Ratoni é un rato. O primeiro dunha saga de ratos que, alá polo 1669, casou con Rata Linda de Compostela. A súa é unha historia de amor de conto que fructificou cando Renato contestou correctamente á pregunta da súa amada, nunha conversa que foi, máis ou menos, así: -El: Rata Linda ¿Queres casar comigo? -Ela: ¿E polas noites que farás? -El: Durmir e calar. -Ela, remata: ¡Pois contigo hei de casar! Un descendente daquel Ratoni e daquela Linda toma vida agora no libro A viaxe a Compostela de Renato Ratoni, rato de compañía de Cosme III de Médicis, do que é autor Xosé Antonio Neira Cruz. Noemí López é quen lle pon imaxe a este tipo particular que ten moita máis responsabilidade que a de ser un personaxe de conto calquera. Porque o Renato Ratoni do 2004 é algo máis que un deseño, ten vida propia. É o guía que acompañará a todos os rapaces das escolas de educación primaria que se acheguen a visitar a mostra A viaxe a Compostela de Cosme III de Médicis, que estará aberta no Museo Diocesano ata o 17 de xaneiro. Segundo explica Xosé Antonio Neira, a idea de crear este personaxe xurdiu da necesidade de dar unha dimensión didáctica a esta exposición. «Os nenos de hoxe son os futuros visitantes das exposicións de mañán», precisa o escritor e comisario da montaxe. Todo un axudante Sabedor do moito que entusiasman ós rapaces os ratos que falan -hai bos antecedentes en Mickey Mouse ou, máis no século XXI, en Stuart Little- Neira botou man dun personaxe que contribuira a facer máis amena a visita. O libro, que serve tanto de guía catálogo para os nenos como de conto con vida propia, pódese atopar nas librarías e no Museo Diocesano ó prezo de dez euros. Co gallo da mostra editáronse 1.500 exemplares en galego, mil en castelán e outros trescentos en italiano. Da edición ocupouse a S.A. de Xestión do Xacobeo.