A XESTA | O |
05 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SEMPRE QUIXEN pertencer a unha xeración maldita, dame igual en que campo. Ou pór o mundo ó revés onde outros se sacrifican para poñelo ó dereito. Soñei a miudo con deforestar Santa Susana e o monte Pedroso. Convencéronme de que, polo meu carácter, non servía para tamañas empresas. Unha mágoa, porque xa me vía presentando un maculado expediente para optar con garantías á Medalla de Galicia. Como o noso amigo Francisco, primo irmá e héroe deste chapotizado país. O mesmo día en que se suliñaban na portada deste medio os seus extensos méritos en Santiago, que enchen nove páxinas de cen, recibe o máximo galardón da comunidade. Noraboa. É o segundo gran Francisco que deixa pegada en Compostela, despois do de Asís. Nas costas galegas tamén deixou pegada, aínda que outros intentaron e intentan borrala con suor e sen poder rascarse embutidos neses insufribles traxes brancos de faena. Pero os voluntarios alégranse de que os seus enormes esforzos sexan agora recompensados e que no seu nome brille no pescozo de don Francisco Álvarez Cascos a escintilante medalla de Galicia. Enfín, entre cazadores anda a cousa.