Antón Lopo volve á Galán coa súa poesía oral de «Prestidixitador»

La Voz

SANTIAGO

23 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A noite compostelá duplica hoxe a oferta escénica. Á mesma hora, ás dez, ofrece outro espectáculo, que se repite mañá e pasado mañá, neste caso tan renovador e excepcional que nel confluen a creación e a experimentación, a poesía e as técnicas teatrais, a maxia da palabra e a ilusión do xogo de realidades e apariencias. A sala Teatro Galán repón Prestidixitador, a proposta «inclasificable», a xuizo da responsable da sala, Ana Vallés, do poeta monfortino-compostelán Antón Lopo, que foi estreada neste mesmo espacio no pasado mes de novembro. En abril estará tres semanas en Madrid, en El Canto de la Cabra, a metade en galego e a outra metade en castelán. Antón Lopo, poeta, narrador e xornalista, presenta un poemario oral, «unha forma nova de darlle soporte á poesía», que encadra no Body-art. Daquela, «non é un recital nen un libro, é poesía oral», versos sen texto, que non están escritos en ningures, que non teñen afan de perpetuarse, que só existen no momento, ma memoria e no recordo. Diferente Prestidixitador é un espectáculo diferente en cada función. É susceptible de modificacións e adaptacións, «porque me esquezo dalgún poema ou porque improviso e adapto en función da receptividade que atopo no público». Este proxecto sen precedentes naceu no ano 98 como unha necesidade do poeta de buscar a creación en novos soportes. A novidade non é tanta se se ten en conta, como explicaba onte Antón Lopo, que existe toda a tradición dos trovadores «que facían da realidade a materia das súas cantigas». A súa proposta recolle «elementos que non son alleos á poesia e outros da performance, de caracter interdisciplinar», que contribúen a concebir a poesía como unha forma de crear», para «desconstreñir a canle habitual da poesía e o que a estas alturas se entende por poesía e por arte». Lopo intenta «romper as barreiras borrosas da identidade», un propósito que tamén é o eixo da última novela que ven de sacar, Ganga. Este espectáculo está ideado «como unha nova forma de dominio da producción nesta sociedade mercantilizada, cando menos -asegura Antón- na emisión e recepción da mensaxe». Antón é o artífice e o protagonista único, aínda que o seu traballo ten detrais un equipo que contribue a darlle forma coa iluminación, que é de Baltasar Patiño; a música, de Sinsal; a maxia, aportada por B.P., A.L. e Carlos Dado; o vestiario de Concha López e o deseño de manolo Martínez. A producción é do Laboratorio de Indagacións Poéticas.