Cando o mundo cabía nun mapa e se aprendía a contar polos dedos

C.P. SANTIAGO

SANTIAGO

O Museo Pedagóxico de Galicia pon a andar as súas actividades mentras agarda por unha sede estable A historia necesita das referencias materiais para dar conta dunha época, dun ámbito concreto e da súa evolución. Daí que o coordenador científico do Museo Pedagóxico de Galicia, Vicente Peña, considere que os elementos que compuñan unha aula do século XIX, primeira metade do XX ou comenzos do XXI «son claves tan importantes para entender a historia da educación coma outros documentos».

10 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A recuperación da memoria educativa de Galicia é, pois, o obxectivo fundamental do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), creado hai un ano por decreto da Xunta, e pendente de dispor de sede cando o edificio disposto para el pola a Consellería de Educación, en San Lázaro, quede libre. A necesidade de contar con este espacio museístico tomou corpo, como explica Vicente Peña, «porque o patrimonio material que quedaba das antigas escolas estábase perdendo, e co peche das escolas unitarias impoñíase deixar constancia de todo un mundo que desapareceu con elas». O Museo Pedagóxico de Galicia articúlase arredor de tres áreas fundamentais como son as de documentación e recursos; a de conservación e mantemento; e a de exposicións permanentes y puntuais, estudios e publicacións. Porén, non se trata só de reproducir unha aula típica dos anos 40 do pasado século, senón tamén de recoller a memoria educativa do pasado inmediato e do presente. Se hoxe non existe infancia sen o entorno escolar, hai unhas cantas décadas as oportunidades non eran iguais para todos. Os adultos de hoxe podemos lembrar neste museo aqueles anos nos que o mundo cabía nos límites dun mapa e cando se aprendía a contar cos dedos. Mudan aulas e métodos, pero non a necesidade de aprender.