Odiseas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

05 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Odiseas interminables. Así son os corredores dos hospitais. Sitios transitados por doentes e familiares onde teñen lugar os momentos máis agres. Historias crúas que nos fan reflexionar sobre a riqueza que nos dá a saúde.

Por desgraza, eu vivín unha desas situacións a semana pasada. Alguén que amo estaba no hospital. Levaba horas sen coñecer o seu estado, sen tocar a súa faciana ou escoitar a súa voz. Un cúmulo de circunstancias que nos envolve na máis delirante fraxilidade, tornándonos vulnerables. Nese momento de bágoas comedidas, achegouse unha moza a min e doume unha aperta sentida, instándome a que me tranquilizase, que todo había de ir ben. Todo isto nunha época de distancia social que nos fai sentir máis fríos con quen nos rodea.

Coido que ás veces, eu mesma e todos, desconfiamos da bondade humana xeral. Nembargante, queda moita xente boa, altruísta e sentida. Aquela moza non me coñecía de nada e brindoume no instante no que máis o precisaba a tranquilidade e o apoio máis sincero. Súa nai acababa de ser operada de apendicite e levaba un suadoiro coa frase en inglés: cara a lúa e de regreso. Curiosamente, tamén era desa especie en perigo de extinción que le libros nas salas de espera.

Cómpre dicir que foron tales os nervios que nunca cheguei a preguntarlle o seu nome, tampouco lle dixen o meu. Asemade, non coñezo o seu sorriso, isto da máscara fai que a mirada sexa o verdadeiro contacto sensorial cos demais. Para min, moza, serás unha amiga para toda a vida, aínda que xamais as nosas vidas se volvan cruzar. Quedo en débeda por brindarme unha aperta e palabras de consolo cando as precisaba e só desexo que a vida che insufle as mesmas boas sensacións que prodigas.