Patrocinado porPatrocinado por

Gumersindo Feijoo: «A dieta atlántica é unha das que menos pegada de carbono ten no mundo»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

Sandra Alonso

Os alimentos ecolóxicos poden contaminar moito se, por exemplo, usan o avión para chegaren ao mercado

29 jul 2020 . Actualizado a las 11:52 h.

A cotío pensamos que consumir alimentos ecolóxicos contribúe a evitar a contaminación que sofre o planeta. Pero na pegada de carbono que deixa un produto inflúen máis circunstancias, explica Gumersindo Feijoo, profesor de Enxeñaría Química do grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental e membro do Instituto de Investigación CRETUS, onde leva anos traballando este tema xunto coa profesora María Teresa Moreira e coa investigadora do Ramón y Cajal Sara González. O medio de transporte que os alimentos utilizan para chegaren aos mercados pode contaminar máis que os fitosanitarios. Consumir produtos de tempada e de proximidade reduce a pegada de carbono.

-Cales son os alimentos que percorren máis quilómetros?

-Primeiro temos que deixar claro que, dende o punto de vista científico, por quilómetro cero enténdese todo aquilo que se produce nun radio de cen quilómetros, porque a xente confúndese e pensa que só son os da horta do lado. Así que calquera produto galego que se consuma en Santiago está considerado quilómetro cero. A partir de aí xa empezan a ter un impacto ambiental. A día de hoxe, os alimentos que máis quilómetros percorren son as froitas tropicais, e non estamos a falar só das que veñen de Sudamérica, senón das que chegan dende Australia e dende Nova Zelanda tamén. Máis lonxe que iso é imposible. Aínda que hoxe en día, tanto por unha cuestión económica como por unha ambiental, hai moitas destas froitas que se están a cultivar en España, como o aguacate ou o mango. Agora xa veñen dende Andalucía e do Levante, co que o custe redúcese tamén moito. No segundo grupo están os peixes, aínda que en Galicia o 90 % do que consumimos é da nosa frota. Pero hai variables que non temos en conta. Sucede coa pescada. Se é do pincho, vén de Celeiro, pero o porto de pescada máis importante de España é Pasajes e se a pescada non é do pincho, é moi probable que veña de alá. A carne é outro produto que viaxa moito. En Galicia temos moita de quilómetro cero, pero se falamos de alimentos procesados, como o cocho, xa veñen de Cataluña. Pasa tamén cos lácteos. O leite noso é de quilómetro cero, pero en Galicia non hai unha industria transformadora, así que todo vén do País Vasco ou de Madrid.

-Temos claro cales son as mellores dietas dende o punto de vista médico pero ¿e dende o medioambiental?

-Fixemos dous estudos sobre todos os tipos de dietas que existen no mundo e a súa pegada de carbono. E as dúas que están na parte máis baixa da táboa no que a pegada de carbono se refire, son a atlántica e a mediterránea. A dieta atlántica é unha das que menos pegada de carbono ten, tanto como a mediterránea, pero esta última ten un maior percorrido en márketing. Un dos principios básicos da dieta atlántica é que se vai consumindo un tipo de alimento diferente en función do que teñamos en tempada. Porque era o que facían os nosos antepasados. Na universidade creamos unha fundación dieta atlántica co obxectivo de retomar esas boas prácticas, que non son boas só por seren saudables, senón tamén por seren respectuosas co medio ambiente.

-Cantos quilómetros pode viaxar un alimento?

-Imaxina, dende as antípodas. O kiwi, por exemplo, vén de moi lonxe. Pero na pegada de carbono temos que analizar tamén o ciclo de vida dese produto. Imaxina que a planta de Nova Zelanda é ecolóxica, pero que os seus produtos viaxan en avión. Se repasamos todo o ciclo de vida podemos comprobar que o kiwi galego, aínda que non sexa ecolóxico, pode ter menos pegada de carbono que o que vén de fóra. Por iso á hora de calcular o impacto ambiental dun alimento hai que ter en conta moitas cousas.

-Podemos estar pensando que estamos consumindo un alimento pouco contaminante que, en realidade, ten unha grande pegada de carbono.

-Pasa coa quinoa, por exemplo, que está considerada un superalimento. Pero vén de Perú. Non é parte da dieta atlántica. Pero é que moitas veces só pensamos na fase de produción dun alimento é iso non é correcto. A pegada de carbono é unha combinación de moitos elementos, incluídos o envasado e o transporte. Todo iso hai que sumalo. Pasoume nunha presentación en París sobre o impacto ambiental dos alimentos. O xerente dunha gran cadea francesa dixo que transportar un tomate dende España producía máis dióxido de carbono ca un de Francia e que, polo tanto, había que mercar os franceses. Eu levantei a man e díxenlle que non se podía ter en conta só o transporte porque para producir un tomate en Francia os invernadoiros usan calefacción, mentres que os españois non. Hai que ter en conta todo o proceso de produción porque se falamos só de transporte o peixe galego, por exemplo, non podería venderse en Madrid.

-E se temos un mundo de kiwi en Galicia ¿por que estamos a mercar o de nova Zelanda?

-Eles teñen a variedade amarela, que non a temos aquí, e o noso é un pouco máis bravo na forma. Pero dende o punto de vista nutricional o kiwi de Nova Zelanda non achega nada novo con respecto ao noso, pero si que contamina máis. Ao kiwi galego fáltalle algo máis de márketing e de facer valer ese escaso impacto que ten. Non está aproveitando esa baza ambiental. Eu, se fóra produtor de kiwi faría campañas falando de que o noso ten moito menos impacto ambiental.

-Consumir alimentos doutros países ten outro problema, que se está apostando polo monocultivo sen reparar no dano que iso pode facerlle ás zonas de orixe.

-Pos si. Nós imos enviar un investigador a Perú seis meses precisamente para estudar as repercusións da demanda da quinoa. É o que se chama unha análise consecuencial. Unha cousa que en principio parece boa, como que haxa demanda dun produto, pero que pode ter consecuencias peores. Eses superalimentos póñense de moda en Europa e en Perú cámbiase a biodiversidade das plantacións. Está pasando no noso país co tema do aguacate. Está considerado un superalimento e a xente está arrincando os laranxeiros e poñendo aguacate. Este é un cultivo que consume moita auga e o estamos instalando nun territorio con estrés hídrico. Nós imos facer unha análise do que está pasando en Perú para ver se podemos evitar as consecuencias.

-¿Inflúe moito o medio de locomoción na pegada de carbono?

-Por suposto. É fundamental. Un dos medios de locomoción que menos impacto ten é o tren, pero en España non temos unha rede suficiente. O transporte por estrada é dos que máis contamina e en Suecia decidiron aumentar o máximo de toneladas que pode levar un camión de corenta a sesenta, precisamente para reducir a súa pegada de carbono. Pero na UE isto non está permitido porque está demostrado que iso tería impacto na seguridade viaria. Ademais do transporte inflúe tamén o tipo de combustible, porque non contamina tanto un tren de diésel coma un eléctrico. Despois do tren, o que menos consume é o barco, seguido do camión. O avión é, con diferenza, o medio de transporte que máis pegada deixa, pero ás veces non ten alternativa, como no kiwi de Nova Zelanda ou nas flores de Holanda.

-E os consumidores ¿están concienciados coa redución desta pegada de carbono?

-Cada vez máis. As enquisas que se fan nos supermercados están dicindo que para os consumidores españois, o criterio número un de compra é a relación calidade-prezo. Pero a segunda variable é a ambiental. Estamos entre os cinco países do mundo que máis cre que o cambio climático ten efectos importantes. E noutros países a pegada ambiental dos alimentos xa está a punto de superar o criterio da relación calidade-prezo como principal motivo de compra.