Así cambian as redes sociais o uso do galego

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

OCIO@

<span lang= gl >Dous mozos consumen contido en redes sociais nos seus móbiles</span>
Dous mozos consumen contido en redes sociais nos seus móbiles MARTINA MISER

Normalización da gheada e o seseo, novos espazos de socialización en lingua galega, feito diferencial e capacidade de monetización son algúns dos fenómenos que aborda Ideolingal

24 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns 15 anos, Lorena Pose utilizaba por primeira vez a gheada nun programa informativo. A entrada dunha variante do galego considerada non estándar na televisión pública de Galicia abriu un debate intensísimo que foi filtrándose logo a outros ámbitos, como a comunidade galegofalante de Twitter (hoxe X), o coñecido como Galituiter, no que burbullaban debates sobre a lingua, como ese das variantes dialectais ou o papel das persoas neofalantes. As cousas teñen cambiando moito nos últimos vinte anos, e hoxe as redes socias predominantes xa non son escritas e a gheada e o seseo aparecen con normalidade nas publicacións de Instagram e Tik Tok dos creadores de contido en galego. Entón, cambian a percepción e o uso da lingua galega os novos xeitos de comunicación?

Esa é a premisa principal do proxecto Ideolingal, liderado polos investigadores da USC Carme Silva e Xosé Luís Regueira. «Levamos un tempo traballando sobre a lingua das redes sociais e das ideoloxías lingüísticas, no sentido de como concibimos que é unha lingua, se hai linguas mellores ca outras, se hai maneiras correctas e incorrectas... E as redes sociais cambiaron a comunicacion pública», explica este último. Si, as redes sociais modifican o xeito de comunicación e mais os usos lingüísticos, dilúen a fronteira entre o público e privado e o formal e o coloquial, modulan as ideoloxías lingüísticas e serven como vehículo de normalización lingüística.

«É unha comunicación pública que utilizamos con parámetros de comunicación case privada», explica Regueira sobre o tipo de lingua que prevalece hoxe nas redes sociais. As comunicadoras, os creadores de contido, gravan dende o seu cuarto, na súa casa «e dinche que teñen que falar como na casa» ou que non serían eles. Que ninguén lles pode dicir como teñen que chamar a súa abuela, malia a que son conscientes de que se trata dun castelanismo, de algo que consideran un uso incorrecto da lingua. Porque prima, sobre todo, a autenticidade.

E esa reivindicación do auténtico pasa, por exemplo, pola recuperación para un espazo público como son as redes variantes dialectais que hoxe se coñecen como galego da costa, un fenómeno que xa estudara Montserrat Recalde nun estudo que se fixo a principios do 2000 e logo no 2015 nos mesmos centros do Barbanza, onde se comprobou unha mellora significativa nas actitudes cara á utilización da gheada e o seseo. Aínda faltaba para a irrupción masiva de Tik Tok, o fenómeno que hoxe se observa xa estaba aí. 

Unha variante fonética que durante moito tempo era considerada vulgar ou bruta «hoxe ten un certo selo de autenticidade, e para determinadas maneiras é un plus, un diferencial», explica Regueira. Velaí o cambio de ideoloxía, que tamén se pode albiscar no cambio de actitude perante o sotaque galego. Lembra Regueira como Candela Peña tiña na serie sobre o caso Asunta unha prosodia aínda máis marcada que a propia Rosario Porto. «Si que chega a ter un certo prestixio diferencial. Na serie de La Peste tamén aconteceu co andaluz, pero non chegaron a facelo tanto», lembra o investigador do Instituto da Lingua Galega.

En realidade o castelán de Galicia non está moi estudado, recoñece Regueira. Existe un corpus importante, pero non está explotado adecuadamente aínda. «Que eu saiba, non hai ningunha tese sobre o español de Galicia, agás unha en Oviedo en 1970. En cambio, na Universidade Minnesota, nos últimos dez anos houbo tres teses de doutoramento sobre o castelán de Galicia», explica. 

O proxecto leva entrevistado a uns 60 creadores e creadoras de contido que empregan a lingua galega, analizando mostras de vídeos dos máis antigos aos máis recentes deses perfís e tamén os comentarios que se xeran nas publicacións, que para a equipa investigadora teñen moito interese, a interacción entre quen crea o contido e a súa audiencia.

Xa non son tan habituais actitudes como aquela policía lingüística que no Twitter desbotaba argumentos simplemente pola gramática coa que estaban escritos (a discusión rematou por establecer que as correccións non solicitadas non eran benvidas), pero esas actitudes seguen existindo, como tamén existe quen se queixa non só que se empregue o galego para comunicar en redes, senón o tipo de galego que se está a utilizar. 

A equipa de Ideolingal durante unha palestra
A equipa de Ideolingal durante unha palestra

O que semella que si esmoreceu é o debate e o enfrontamento sobre os paleofalantes e os neofalantes, segundo a percepción de Xosé Luís Regueira, que tamén cre que as redes sociais están xogando algún papel se cadra non na transmisión da lingua como tal, pero si na súa normalización. No emprego do galego para todo tipo de actividades e a creación de espazos de socialización en galego, porque, recoñece o investigador da USC, hai xente moza que só ten contacto coa lingua galega nas aulas. 

«Si que poden propiciar o paso de xente que non utilizaría galego a utilizalo» porque atopa unha motivación. Nomea o caso dun foro sobre o Celta no que persoas que non usaban o galego habitualmente si o empregabana para chatear sobre fútbol. «Ese efecto pode ser bastante relevante, porque se a xente está utilizando o galego nalgo que lle é produtivo, que lle interesa e lle é motivador, contribúe en certo modo á normalización ou cando menos a que teña presenza noutros ámbitos», reflexiona Xosé Luís Regueira. 

 É máis, «hai persoas que viven das súas publicacións». A cultura influencer existe tamén en galego, e tamén con gheada e seseo. «Iso marca unha diferenza con respecto diso de que non vale para nada. Vale incluso para vivir diso», subliña o investigador da USC.