Xogalego, o catálogo de videoxogos en galego: «Dende o 2020 notamos unha aceleración na creación de xogos en Galicia»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

OCIO@

Iago Gordillo, responsable do proxecto Xogalego e de Recuncho Gamer
Iago Gordillo, responsable do proxecto Xogalego e de Recuncho Gamer CESAR QUIAN

Na actualidade teñen localizadas máis de duascentas referencias en lingua galega, que se poden filtrar por diversas características, para que «dese a posibilidade de atopar un videoxogo en galego adaptado ao que cada persoa quere xogar»

06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló por setembro do 2024, buscando xogos en galego en Steam, decatáronse de que había un espazo que era preciso cubrir. Ese foi o primeiro gromo de Xogalego, o catálogo de videoxogos en galego que hoxe conta xa con máis de 160 referencias e que permite filtrar por numerosas características ata dar co xogo máis acaído aos gustos de cada individuo, dende o xénero ata a mecánica ou mesmo a estética do videoxogo.

«Decatámonos de que o filtro de Steam non era doado de usar e estaba algo trucado, porque dos 60 xogos que ofrecía o filtro de galego, en realidade só un estaba en galego», lembra Iago Gordillo, impulsor da iniciativa e responsable do proxecto Recuncho Gamer. «A partir de aí comezamos a intentar recoller que videoxogos hai en galego e onde podemos atopalos, porque segundo cada plataforma hai cuestións distintas».

É dicir, existen videoxogos en galego, pero é difícil acceder a ese contido. Se non está visible e dispoñible, as persoas que queren xogar en galego non poderán acceder a el e a demanda deste tipo de xogos tampouco medra. Para iso nace este catálogo, para tentar romper esa dinámica.

O ano pasado viron a luz arredor de 25 títulos galegos. «Dende a pandemia notamos unha aceleración na creación de videoxogos galegos e en galego», di Gordillo. No que vai de 2026 hai xa catro xogos novos dispoñibles que están en lingua galega, incluíndo Super Woden Rally Edge, After Juice: Animal Disco Mafia, Crazy Manager e Kuentame. «Estamos neste momento en cifras semellantes ás do ano pasado. Pero si hai interese, porque as cifras da web indican que hai procuras», afirma o seu responsable.

Grazas a unha axuda da Deputación da Coruña comezou a andar Xogalego, creado por un equipo de catro persoas que foron facendo un barrido por diferentes plataformas e investigaron como estaba o mundo das consolas para ter a maior información posible. Deste xeito, o buscador vén ocupar un espazo que estaba desatendido, porque segundo calcula Gordillo, a día de hoxe Steam ofrece máis de 2.000 xogos dentro do filtro de galego «pero a realidade é que non chegamos a douscentos».

Dese barrido de plataformas teñen localizados un total de 280 títulos, e en Xogalego están xa dispoñibles uns 160. O resto aínda están en proceso de suba. «Foi tomando forma durante os últimos meses» a través dun equipo de varias persoas que traballan na clasificación de cada un dos xogos, ademais doutra que se encargou do deseño da páxina web para que fose usable e que «dese a posibilidade de atopar un videoxogo en galego adaptado ao que cada persoa quere xogar».

A procura non está cinguida só ás plataformas, senón que Xogalego quere ser tamén un punto de comunicación cos creadores e creadoras que están facendo videoxogos en Galicia. É dicir, ademais do barrido dos catálogos dispoñibles actualmente, os responsables de Xogalego tamén acuden a eventos, están en contacto co sector en Galicia e nutren o catálogo tamén coas achegas de máis persoas, que poden enviar as súas propostas para ser incluídas no buscador. «Na propia páxina de Xogalego temos un formulario a través do que xa recibimos máis de 30 propostas» e mesmo recibiron achegas a través das redes sociais.

Porén, Xogalego non é só unha listaxe de videoxogos en galego. O catálogo tamén ofrece unha pequena análise de cada título. Isto é interesante tamén para achegar os títulos a xente que non está dentro do mundo dos videoxogos, como poden ser pais, nais ou o ámbito educativo. «Deste xeito poden saber que posibilidades hai, por exemplo en idades recomendadas ou temáticas».

Por exemplo, hai catalogados videoxogos que teñen que ver coa literatura galega, co cal poden chegar a ser unha ferramenta interesante nas aulas. «Deste xeito, de ter un videoxogo na aula, mellor que sexa un videoxogo en galego, que funcione como un elemento normalizador da lingua», subliña Iago Gordillo.

«Xogos ben traducidos ao galego poden marcar a diferenza e incluso mellorar o produto orixinal», remarca o creador de Xogalego, que permite tamén filtrar por consola ou por tipo de xogo. Por exemplo, as visual novels (unha especie de novela interactiva) teñen bastante presenza no ámbito do videoxogo en galego, e tamén é interesante porque o texto, neste caso, ten moito máis peso que noutro tipo de títulos, como os de acción.

A meirande parte dos títulos que usan a lingua galega parten de equipos galegos. No caso daqueles de fóra que chegan ao galego adoitan ser xogos indies nos que hai algunha persoa galega no equipo e fai o esforzo de traducir o xogo. «É algo que acontece con outras linguas da Península. Por exemplo, proxectos máis grandes que se cadra foron finalistas en premios, chegan en catalán porque parte do estudo é de Barcelona e fai presión para telo nesa lingua».

Existen grandes categorías neste catálogo de xogos en galego. Están os dispoñibles en plataformas tipo Steam, os que son gratuítos ou prototipos, que adoitan ser máis pequenos, e logo, igual que acontece con outros ámbitos, como pode ser o anime, existen videoxogos clásicos que están traducidos. «Tamén queremos redirixir a xente que busca xogar a un videoxogo clásico de Nintendo», explica Iago Gordillo. Existen parches de idioma para grandes títulos, como Super Mario ou Pokémon. «É unha maneira de centralizar todo nun único lugar» e tamén recuperar para o galego grandes títulos antigos.