—É a fin.
—Acabouse.
—Nada vai volver ser igual.
Iso dixeron Antón, Xiana e Breo, detidos os tres á porta da casa do primeiro, talvez nesa mesma orde, talvez noutra, cadanseu coa súa frase, mentres a mágoa gravaba febles sucos nos lindeiros das súas faces.
—Como chegamos ata aquí?
—A verdade, nin eu me decatei.
—Mais xa non hai volta atrás. Din que, a partir de agora, todo vai ir a peor.
E quizais naquela frase houbera moito de certo. E pronunciouna Antón, ou Xiana, ou Breo, diante daquel solpor amarelado que axiña tinguiu o horizonte tamén de vermello, de violeta, de anil.
—Seguiremos xuntos? Pase o que pase?
—Pase o que pase.
—Sen dubidar.
Os tres afundiron a mirada no ceo cambiante. Ao termo da rúa, o vello camión de xeados de Cosme xirou paseniño ao acadar o cruce para pouco a pouco se esvaecer. Os tres nenos suxeitaban nas súas mans cadanseu xeado coma se fose o derradeiro.O verán chegara á súa fin. Ao día seguinte darían comezo de novo as clases na escola; só que ese ano a escola cambiaría o seu nome polo de instituto. Por diante agardábaos unha chea de cambios e tamén de moitas incertezas. Mais xa habería tempo para pensar niso. Olláronse entre eles unha vez máis.
Botámoslle a última? A pregunta saíu dos beizos de Xiana.
Non fixo falta unha resposta. Coa caída do solpor, cos xeados ben suxeitos na man, os tres nenos botaron a correr.