O noso barrio nos anos 70 era notorio por ser o centro de Londres onde cohabitaban a prostitución, a música, os teatros mais os restaurantes estranxeiros. Na rúa da nosa escola de primaria contara eu nove cines para adultos, e un pouco máis arriba da nosa casa había outra onde traballaban «as señoras da noite» que tamén recibían visitas de día. Os rapaces que vivíamos en Soho tiñamos tan asumida a cohabitación con ese mundo que nin caso lles facíamos para estupor dos nosos amigos de fóra do barrio cando viñan de visita e pasmaban coa boca aberta por todo canto alí había á vista. A única excepción na nosa indiferenza era cando, ao caer a noite, as señoras nos mandaban para casa porque aquilo «non era lugar para nenos». Nós discutiámoslles que eramos residentes e as rúas eran nosas. Tampouco lles dabamos importancia ás colas largas que se formaban diante dos clubs famosos da zona, onde actuaba xente coma David Bowie ou Queen. O que acontecía dentro dos edificios tanto nos tiña. Eran cousas de maiores, sen máis, sempre que nos deixaran libres os nosos espazos para xogar tranquilamente. Faciamos moita vida nas rúas porque a maior parte dos nosos pais traballaban na hostalaría e tiñan horarios ben pouco compatibles coa nosa liberdade. Eramos fillos de emigrantes; chineses, indios, italianos, españois… Viviamos nun mexunxe de culturas das que aprendiamos, sobre todo a dicir malas palabras, que era o que máis graza nos facía. Coleccionabamos xuramentos coma se foran boliñas de vidro e, do mesmo xeito, sempre nos gustaban máis as dos demais. Naquela época, pouca xente de fóra era consciente de que Soho era un barrio residencial e non só o centro do ocio e do vicio. Alí viviamos familias de xente traballadora con fillos bilingües que nunca vivísemos nos países dos nosos pais. Había unha comunidade de persoas que estaban pendentes do veciño para axudarlle no que fixera falta. Os famosos tocaban nos clubs e actuaban nos teatros, despois de cear nos restaurantes máis coñecidos. Os turistas invadían os nosos escondedoiros e patios de recreo cargados de bolsas de Carnaby Street. E nós, os nenos de Soho, xogábamos nas rúas.