FUXITIVO!

Ramón Fontao

RELATOS DE VERÁN

Na beiriña do embalse atopábase o fillo dunha galiña de río cando chegou un pito todo esnaquizado, case sen alento e famento.

—E ti de onde saes?

—Fuxín de aló arriba onde hai moitos coma min.

-E túa nai?

—Iso que é? Ti tes?

—Eu si. É unha galiña grande que cando botei fóra da casca, abrigoume debaixo das ás, ensinoume a comer e cóidame. E logo ti?

—Pois eu cando botei a cabeza fóra da casca mirei arredor e todo eran cabezas. Había moita luz e calorciño, eramos moitísimos. Enseguida viñeron e metéronnos en caixas.

Despois de viaxar un longo tempo chegamos a un sitio moi grande. Ó abrir as caixas saímos todos correndo sen saber onde ir.

Logo veu unha muller, prendeu a luz (que tamén daba calorciño) e amontoámonos todos arredor ata que nos botou de comer e fomos espertando.

A partir desa todo era piar e comer, vixiados pola muller que algunha vez sentaba por alí e falaba sola mirando para unha cousa que tiña na man.

Foron pasando os días e veña comer, medrar e engordar. Eu empecei a pensar que aquilo non tiña traza.

Despois de medrarme as plumas decidín non comer tanto, correr, saltar e intentar voar algo. Con isto púxenme máis lixeiro.

Fun observando ben as cousas e tomando nota dos detalles. E así, chegoume a ocasión. Un día quedou un caixón arrimado ó muro e aproveitei o momento. Subinme a el, saltei o muro e tireime abaixo voando conseguindo saír fóra. Despois empecei a correr, saltar e en ocasións voar.

E aquí me tes despois de dous días con fame, medo e case sen folgos.

—Pois ven comigo, vouche ensinar aos meus irmáns e á miña nai. Podes quedar connosco por acó.

—Pensareino porque agora teño que buscar a vida. Xa non vale iso de comer, medrar e engordar. Agora amañareime como poida pero en LIBERDADE!